Aprobado na Comisión de Persoal do 2 de agosto. Publicaríase en setembro, unha vez que se peche a discusión da oferta de postos (que continúa en revisión).
Durante toda a negociación houbo un elemento principal en disputa: a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizo como realizado no posto de orixe ou no da comisión. En todas as xuntanzas a CIG rexeitou a intención da Xunta de mudar o criterio mantido en todos os concursos anteriores e valorar o traballo como feito no posto en comisión. Función Pública mantiña a súa posición en base a esta sentenza do Tribunal Supremo.
As nosas razóns: porque a súa concesión non atende a criterios obxectivos de mérito e capacidade; porque é discrecional; porque temos infinidade de exemplos de abusos (comisións cruzadas, xente que constantemente salta de comisión a comisión..); porque xa non é un sistema de cobertura de prazas de urxente e inaprazable necesidade senón que é un sistema habitual de cobertura temporal. Sobran motivos, e estaremos dispostos a discutilo cando os concursos sexan convocados como mínimo anualmente e cando as comisións estean sometidas a criterios obxectivos.
Finalmente, xa comezada a última xuntanza (a Comisión de Persoal), anunciou o director xeral de Función Pública que o tempo traballado en comisións de servizo vai ser valorado como tempo traballado no posto de orixe. Así que desapareceu o elemento fundamental de discrepancia.
Respecto do borrador inicial (27/03/2019) houbo cambios, algúns deles comunicados o último día na Comisión de Persoal (e por tanto non aparecen no borrador que nos enviaron para a Comisión de Persoal do 2/8/2019):
- Persoas obrigadas a concursar e que cumprindo coa obriga (solicitan todos os postos dun radio de 30km), non obteñen praza: Función Pública asignaralles de oficio un dos que queden vacantes, pero será "de entre aqueles vacantes en 30km".
- Antigüidade: valoran 0,02 puntos por cada mes de servizos como funcionario/a de carreira. Non aceptan a solicitude da CIG de incrementar a puntuación máxima para permitir incrementar o máximo de anos de 31 a 36 anos de servizos.
- Méritos específicos: a CIG defende a súa eliminación, e alternativamente a súa minoración. Respecto dos servizos prestados a puntuación será de 0,02 puntos por cada mes de servizos en posto da mesma área funcional que o posto solicitado, pero o límite pasa de 3,2 a 1 punto.
- Grao persoal: cada incremento de nivel será de 0,15 puntos.
- Traballo desenvolvido: van valoralo como tempo traballado no posto de orixe. Non aceptan reducir o excesivo desequilibrio deste mérito.
- Tempo de permanencia: por primeira vez vai poder concursar quen obtivese posto no concurso anterior; esto condiciona o concurso e a CIG solicitou aumentar a puntuación da permanencia. Función Pública acepta e a puntuación pasa de 0,012 a 0,015 puntos por mes de permanencia. Mantense o máximo conxunto con traballo desenvolvido e medidas de conciliación.
- Medidas de conciliación: para o reagrupamento familiar, incrementan a idade dos menores de 12 a 16 anos. Non aceptan incluír a maiores dependentes (din que o estudarán para o próximo). En canto á proposta de considerar o achegamento a concellos limítrofes (o que ten efectos sobre o rural galego), tampouco vai desta.
- Formación: retiran referencias a caducidade dos cursos (ollo, que o manteñen para futuros concursos); baixan o mínimo de horas de cada curso de 12 a 8; incrementan o máximo de cada curso de 1 punto (100 horas) a 2 puntos (200 horas). Non aceptan incluir máis entidades formadoras (universidades, servizo público estatal de emprego, dirección xeral de formación, FEGAS, escolas de idiomas ..).
- Titulación académica: non aceptan incluír titulacións a maiores da requirida para o posto (vai ser a primeira vez).
- Grupo de pertenza: reducen a puntuación de 1 a 0,75 puntos/nivel.
- Desempate: durante a negociación modificaran o desempate que pasaba de ser seguindo a orde dos méritos das bases (1º antigüidade, 2º méritos específicos, ..) a seguir a orde do decreto de provisión (1º méritos específicos, ... último antigüidade). Función Pública aceptou volver ao modelo inicial.
Con estes cambios, temos que recoñecer que Función Pública aceptou numerosas propostas da CIG, pero continúan existindo discrepancias que nos impiden apoialo.
As bases do concurso quedan aprobadas coa abstención de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.
Ningún comentario:
Publicar un comentario