Vén de publicarse no DOG do 22/05/2024 —cada vez sae máis tarde— a convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023. Trátase exclusivamente dunha axuda por persoa con discapacidade a cargo coa que Función Pública pretende seguir substituíndo sine die o auténtico FAS.
Resumo da convocatoria:
Solicitude: será única con independencia do número de persoas causantes con discapacidade polas que se solicita a axuda. Xerarase de xeito telemático dende a aplicación do FAS.
Presentación: no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza mediante solicitude xenérica PR004A. Dirixirase á Consellaría de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. No obxecto do asunto indicarase: convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2023. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos alegados.
Prazo: do 23/05/2024 ao 05/05/2024.
Orzamento: máximo de 180 €/mes/persoa
Requisitos:
- Ser
persoal funcionario ou persoal laboral do VCCU que prestara servizos
durante o ano 2023 na Administración xeral autonómica ou entidades
instrumentais da letra a) do art. 45 da Lei 16/2010 (isto é, organismos
autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas
empresariais e consorcios autonómicos); ou ben ser persoal docente ou
profesor/a de relixión.
O restante persoal da administración xeral ou entes instrumentais non ten acceso a esta axuda.
- Ter a cargo unha persoa causante cun grao de discapacidade entre o 33 e o 75 % e rendas inferiores aos
14.000€ anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación
que teña tal consideración. Cando a discapacidade é superior ao 75% non
son de aplicación os límites referidos a estes ingresos.
- Cumprir os requisitos para ser beneficiaria/o desta axuda e que se lle denegara a prevista no art 35 do VCCU.
Que foi do verdadeiro FAS?
O Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza foi convocado por última vez no DOG do 09/02/2011. Contaba cun orzamento de 9.136.392 € e con 8 liñas de axuda, como podemos ver nesta comparativa:
FONDO DE ACCIÓN SOCIAL DA XUNTA | 2010 | 2023 |
CONTÍA GLOBAL | 9.136.392 | 2.000.000 |
MODALIDADES | CONTÍAS MÍNIMAS (€) | CONTÍAS MÁXIMAS (€) |
Atención á discapacidade | 1.300 | 2.160 |
Xubilación | 3.500 | 0 |
Fillas/os menores | 150 | 0 |
Estudos de fillas/os | 90 | 0 |
Estudos do persoal | 200 | 0 |
Adquisición de vivenda | 1.532 | 0 |
Maiores a cargo | 200 | 0 |
Gastos sanitarios (tratamentos, próteses) | 60 | 0 |
Gastos sanitarios (produtos alimentarios) | 60 | 0 |
Recuperación do FAS para todo o persoal!
A CIG esixe a derrogación da Lei 1/2012, que estableceu a suspensión da convocatoria, concesión ou aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, agás a axuda por persoa con discapacidade (a cal non pode ser superior a 180€/mes). No caso de terminados entes, a axuda foi suspendida por completo.
Esta Lei 1/2012, con medidas temporais en determinadas materias do emprego público en Galiza foi ditada hai 12 anos ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do Estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.
É hora de recuperar todos os programas do FAS con todas as liñas de axuda existentes antes da entrada en vigor dos recortes desta Lei 1/2012 e da dotación orzamentaria actualizada (1% da masa salarial), e incluir no seu ámbito a todo o persoal da Administración xeral ou entes instrumentais cuxo FAS foi totalmente eliminado coa devandita Lei; ou ben recuperar os FAS propios preexistentes para o persoal excluído desta convocatoria.
Rueda, as medidas temporais non duran 12 anos! Derroga a Lei 1/2022 e recupera o verdadeiro FAS xa para todo o persoal!
Ningún comentario:
Publicar un comentario