Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.
Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.
Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.
A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?
Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.
Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.
Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.