Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 23 de setembro de 2016

ÚLTIMA HORA: concurso e procesos selectivos

Oficialmente confirmaron que a primeira semana de outubro terán lugar os cesamentos e tomas de posesión do concurso de corpos xerais. Oficiosamente, xa está en boca de todo o mundo que será o luns 3 de outubro o día dos cesamentos masivos. A semana que vén, probablemente o 27, sairá publicado no DOG a correspondente norma de Función Pública que o instrumentalice. A ver se desta vai a vencida e non cambian de idea dependendo dos resultados do 25, que xa cansan.

Ficou no esquecemento ese concurso de persoal laboral que ían convocar antes das eleccións ou o concurso permanente que ían poñer en marcha todos estes anos atrás, xa non digamos un concurso de corpos especiais ou doutras escalas máis pequenas.

En canto aos procesos selectivos hai máis ruxe-ruxe que información. Os únicos que se moven son os de persoal funcionario. En acceso libre aínda deron información a semana pasada de cando serían os segundos exercicios, que xa publicaron no web de Función Pública. Maior misterio hai arredor dos procesos de promoción interna que xa fixeron o segundo exercicio polo que se lles preguntou e oficialmente a resposta é que "estaban as vacacións polo medio e que ían preguntar aos tribunais e nos dirían algo". Mosquea especialmente os de tipo test que xa os tiñan que ter máis que corrixidos. Especúlase con que xa teñen as notas pero que está todo parado ata que pase o día 25 e tamén con algún outro problema vendo as recentes correccións de erros nas puntuacións de acceso libre por fallo na corrección automática.

Vellos despropósitos aos que xa nos teñen acostumadas e que analizábamos polo miúdo na seguinte nota. Crear unha Comisión de Selección coma no Estado español solucionaría moitos problemas. En calquera caso, para a semana, agardamos que se aclaren moitas cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario