O mércores 8 de marzo xuntámonos co Director Xeral da Función Pública, principalmente para ver a posibilidade de chegarmos a un pacto para desenlear toda a maraña de asuntos que manteñen cronicamente paralizada a xestión de persoal.
O obxectivo final é que "para o ano 2020 (!?) teñamos": concursos permanentes en todos os corpos/escalas/categorías, porcentaxes de temporalidade significativamente inferiores aos valores actuais e simplificación da clasificación do persoal mediante uns procesos de funcionarización e redución de categorías laborais. A esto hai que sumarlle outro obxectivo inmediato: retirar da primeira liña do lume ao persoal de incendios con máis de 60 anos de idade.
A CIG comparte estes obxectivos e a pesares de que a experiencia nos di que moito do falado vai quedar en nada, estamos dispostos a sentarnos e negociar aínda que sabemos que non compartiremos moitas das solucións parciais que van ir saíndo ao longo do tempo. Pero en todo caso, o bloqueo permanente actual non é aceptábel de ningunha maneira.
Para a CIG a Oferta de Emprego do 2017 debería incluir a totalidade das vacantes. Caso de que non fose posíbel, queremos primar aqueles corpos/escalas/categorías con maior taxa de temporalidade, sempre tendo en conta a infradotación de persoal consecuencia de moitos anos de destrución de emprego público.
É necesario convocar o concurso de traslados de persoal laboral, polo que hai que desbloquear a “racionalización” de categorías de inmediato. Pero tamén hai que abordar os demais concursos, como o de administración especial (mesma antigüidade, 2012, que o de laborais) e algúns de escalas que teñen aínda máis antiguidade. Como novidade, pretenden substituir os actuais “méritos específicos” que teñen algúns postos na RPT por unhas “áreas funcionais”, que terían os mesmos efectos pero que non requirirían certificación previa aos concursos; estamos a estudalo, pero de entrada fainos a mesma graza que os méritos específicos (ningunha).
A funcionarización establecida pola Lei de Emprego Público de Galiza (incluíndo a recente modificación pola Lei de acompañamento aos orzamentos de 2017), non pode executarse sen o previo concurso de traslados e a publicación dun decreto de equivalencias entre categorías e escalas, así como clarificar outros aspectos.
A consolidación de emprego, pendente da ver que fan coa taxas de reposicións, ten que executarse dunha vez. Parece que agora hai impedimentos legais á consolidación da primeira parte, polo que é preciso atopar unha solución.
A segunda actividade é algo necesario. O prioritario é sacar do contacto directo co lume antes de que chegue este verán aos traballadores e traballadoras de incendios de máis de 60 anos. Unha vez resolto isto, queda estudalo para outras escalas/categorías.
Estas son unhas ideas principais dentro dunha chea delas. Supoñemos que nos vindeiros días teremos novas, pois está todo por definir. Pola parte que nos toca, estaremos alerta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario