Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 28 de decembro de 2017

Os salarios públicos ficarán conxelados no 2018

No DOG do 28 de decembro publícase a Lei galega de orzamentos e a súa lei de acompañamento con importates medidas sobre o persoal público.


Un ano máis, trala publicación no DOG da Lei galega de orzamentos, os salarios do persoal público que depende da Administración autonómica fican conxelados. Haberá que agardar a ver que pasa cos orzamentos do estado. E mentres, para xaneiro xa veñen anunciadas subas importantes de servizos básicos como o gas, a luz ou as telecomunicacións, amáis das peaxes, especialmente a da AP9.

A lei publicada hoxe no DOG recolle que os salarios públicos do persoal que cobra da Administración galega non poderá experimentar variación con respecto ao 2017. Iso si, adicionalmente engade, coma fai sempre, que calquera variación que se acorde a través da Lei de orzamentos do estado español pois se nos aplicará igualmente. O caso é o qué e o cando.

O ano pasado a suba foi do 1% e este ano estaba sobre o borrador volver a repetir o 1% ou subila ao 1,5% - 1,75%, en función de diferentes parámetros macroeconómicos. O que non se sabe moi ben é cando se aprobarán os orzamentos do estado español.

Despois de anos de baixadas directas de retribucións, algunha das cales quedou xa consolidada (como o recorte do 5% do 2010) e anos e anos de perda de poder adquisitivo (cos soldos conxelados) agora, a pesar do moito que venden que "saímos da crise", os soldos públicos e os propios servizos públicos seguen suxeitos aos vaivéns políticos e aos intereses de privatización das grandes empresas.

Desde a CIG esiximos a recuperación do poder salarial perdido e dos dereitos laborais roubados desde 2010, comezando, por exemplo, pola derrogación da lei de medidas urxentes de 2012 que en parte traspuxeron xa á lei galega de emprego público. Así mesmo, defendemos uns servizos públicos e de calidade; calidade que só se pode dar recuperando a xestión pública dos servizos e o número de efectivos eliminados.

Lei de acompañamento


No mesmo DOG do 28 de decembro publícase a coñecida como "Lei de acompañamento dos orzamentos". A través desta lei, emédanse unha gran variedade de normas lexislativas galegas,lei de acompañamento que non deberían valer para todo pero a derradeira palabra sempre a ten un tribunal político que avala o seu uso. Entre elas, a través do seu título II-capítulo I, está afectada a modificación de diversos artigos e disposicións da actual Lei de emprego pública galega. 


Estas modificacións son relativas á maternidade, paternidade, comisións de servizo, concursos específicos ou configuración de escalas, entre outras. Cabe destacar a ampliación do permiso de maternidade, adopción ou acollemento das 18 actuais ás 20 semanas ou do permiso da outra persoa proxenitora de 4 a 5 semanas, lonxe aínda dos parámetros europeos de conciliación igualitaria.


Así mesmo, amplíanse os supostos legais de utilización das comisións de servizo para a cobertura de baixas laborais de longa duración, no canto de recurrir á tirar das listas de substitución. Tamén se inclúe unha carencia de 6 meses no posto obtido por un concurso para poder participar en calquera concurso específico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario