Sete meses despois do primeiro borrador, envían para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) e Mesa Xeral (MX) de Empregados Públicos do xoves 17 uns novos textos dos graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento do desempeño para o persoal laboral). Á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal levoulle sete meses poñer cambios tan radicais como trocar a palabra “proposta” por “borrador”, e pouco máis.
A maiores, acompañano cun bombazo, un
borrador de anteproxecto de decreto que regula o sistema ordinario de
carreira. O texto endurece moitisimo os criterios para a obtención dos
graos e engade o requisito dunha avaliación do desempeño que mesmo pode
influir nos futuros concursos de traslados (mesmo pode supor a perda de
destino).
Os graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional
Descargar:
Os documentos que achegan son idénticos aos que xa enviaran en decembro do 2024. Non aceptaron nin unha soa alegación.
E con isto seguimos no camiño dunha carreira profesional lenta, farragosa e cos pagos troceados en catro anualidades. Para o grao III farán falta 17 anos pero como non cobraremos o 100% ata 2028, así que na práctica serán 21 anos. E seguimos coas exclusións e condicionantes como estar en activo a 31 de decembro de 2024 ou ter que agardar a que decidan abrir o prazo para solicitalo (non é como os trienios, que o cobras en canto os cumpres).
Estas convocatorias extraordinarias tiñan que estar negociadas a finais do 2024. E a estas alturas aínda van á MSF para mediados de xullo, quedando pendente a súa aprobación en Comisión de Persoal e publicación en DOG, cando xa estamos en pleno verán.
Queremos unha carreira profesional sen
tronzar en anualidades, automática ao cumprir os requisitos e para todo o
persoal, que non dependa da vontade de que a Xunta decida convocar, nin
se empregue para chantaxear ao persoal empregado público.
Carreira profesional ordinaria e avaliación do desempeño
Descargar
O sistema ordinario de carreira tiña que estar negociado antes do verán do ano 2019, segundo o Acordo de concertación do emprego público de Galiza asinado por Xunta+CCOO+UGT. E cando estamos en pleno verán do 2025, envían un borrador directamente á MSF, sen ningunha xuntanza previa, sen borradores de traballo, cun texto durísimo.
Este texto será de aplicación aos graos de carreira ordinario. Esto inclúe:
- A toda persoa que por ser de ingreso recente, non ten dereito a
ningún grao extraordinario e terá que facer toda a carreira polo sistema
ordinario.
- A toda persoa que teña os anos de servizos que teña, e cumpra as
condicións, agora poida entrar no grao I, II ou III extraordinarios. Os
seguintes graos que lle corresponda, incluíndo o grao IV, serán polo
sistema ordinario.
Entre as lindezas que trae o texto subliñamos:
Endurecemento dos requisitos de formación
- O número de horas de formación pasa a ser diferente para cada grupo.
Por exemplo, para C1, o grao I será de 200 horas, cando ata agora era
de 80.
- Esas 200 horas son para obter o grao I. Para obter o grao II
necesita outras 250, distintas ás anteriores, e feitas nos anteriores 6
anos. E para os seguintes graos pasa o mesmo: máis horas, obtidos nos
últimos anos.
- Non valen os cursos de galego, nin os das consellerías, nin os das oficinas de emprego.
Posta en marcha da avaliación do desempeño
- Para a carreira profesional, a maiores de cumprir cos requisitos, tamén requiren unha avaliación positiva.
- A avaliación positiva require o cumprimento de obxectivos tanto
individuais como colectivos (se a túa unidade non traballa ben, poderías
ter penalización).
- A avaliación negativa pode implicar a imposibilidade da prórroga de
xubilación, ou a remoción do posto obtido por concurso ou libre
designación, ou a non concesión de comisións de servizo.
- A avaliación tamén pode influir na obtención de futuros postos en concursos de traslados
Semella que volvemos aos tempos de
Dositeo Rodríguez co Presidente Manuel Fraga. Daquelas era a Inspección
Xeral de Servizos a encargada de decidir os items que formaban parte da
avaliación do desempeño, sendo curiosamente a propia inspección a
unidade que mellor puntuación obtiña.
Haberá que ir ás barricadas?
Esta regulación da carreira profesional ordinaria pretende impoñer unha barreira importante á progresión na carreira profesional. E ao tempo vai conseguir persoal funcionario máis dócil ante os xefes e xefas por medo á avaliación negativa.
A bronca está servida. A CIG tentará que non se saian coa súa. E ti, que pensas de todo isto?
Ningún comentario:
Publicar un comentario