Á Dirección Xeral da Función Pública hai que “tirarlle do aire”, pois como aqueles vellos Seat 124 senón lle tiras do starter van a golpes e ratean. Igual lle pasa a Barreiro que vai a bandazos e presentounos un acordiño con mestura de “todo un pouco” na Mesa Xeral do pasado martes 18 de xuño.
Basicamente recolles seis puntos sobre diferentes dereitos a mellorar: Fondo de Acción Social (axuda persoas con discapacidades), Ampliación do horario de verán, Ampliación da OPE do persoal do servizo de extinción de incendios, Ampliación da redución de xornada para reincoporación ao traballo despois de tratamentos oncolóxicos ou enfermidade grave, Acurtamento de prazos para o cobro da carreira profesional para persoal interino ou persoal que non cumpría os requisitos e acordo Kafkiano que ninguén entende.
Punto 1. Aumento das contías do Fondo de Acción Social (FAS)
O persoal laboral pode optar a unha axuda no FAS de 180 euros mensuais e o persoal funcionario ten unha contía menor no actual FAS aprobado polo que se incrementa a cantidade dos pagos para igualar ao persoal funcionario e laboral. A equiparación vaise facer entre as anualidades de 2019 e 2020. Recordemos que o FAS só contempla a axuda por discapacidade e maior a cargo.
A CIG quere recuperar os importes e as modalidades do Fondo de Acción Social que se cargaron no 2012. O director de Función Pública négase a incorporar todo o fondo tal como pedimos porque a situación económica non está igual que no 2008 (dependendo para que, si hai diñeiro). Di que poderían modificar un pequeno parágrafo para que non se teñan en conta os ingresos do solicitante se o discapacitado/a ten máis dun 75% de invalidez. Preguntamos pola publicación do FAS de 2018 e nin contestaron.
Punto 2. Ampliación do horario de verán
Recolle a aplicación de horario ampliado para as flexibilidades por conciliación (6 horas no tramo diario da conciliación non en horario de 8 a 3 como ata o de agora). Aplica o horario de verán ás reduccións de xornada cunha minoración de horas dun 20%.
Pese ás reiteradas peticións de ampliación dixeron que agora non é posible, pero que intentarían ver as posibilidades de aplicación de melloras (non sabemos se se refería ao horario ou a aplicación ao persoal política social [do resto de persoal, nen pío]). A ampliación do horario de verán ás reducións de xornada fanno debido as súcesivas sentenzas que recoñecían este dereito, así pois, non é gratuíto.
Punto 3. Ampliación da OPE do persoal do servizo de extinción de incendios
Convocarán este ano 100 prazas de persoal laboral temporal que presta servizos 9 meses a prazas de persoal funcionario de 12 meses. Ampliable no 2020 a 100 prazas máis.
Venden o seu camiño á funcionarización e a mellora dese persoal, non din nada cando se lle alude ao dereito de consolidación de moitas desas prazas.
Punto 4. Ampliación da redución de xornada para reincoporación ao traballo despois de tratamentos oncolóxicos ou enfermidade grave
Amplía o dereito recoñecido da redución de 25% da xornada ata un 50% da mesma, cunha duración de un mes ampliable a outro.
Nada que comentar (pasa dun 25% a un 50%), mais que era un dereito que xa tiñan os docentes.
Punto 5. Acurtamento de prazos para o cobro da carreira profesional para persoal interino ou persoal que non cumpría os requisitos
O persoal interino ou temporal poderá acortar os cinco anos de espera para a carreira, comezando a cobrar no ano 2020 (un 25% por cento) ata o ano 2023 coa consolidación do grao I; sempre e cando cumpra 5 anos de antigüidade a 31/12/2019.
O persoal que non cumpría requisitos (formación basicamente), será igualmente incorporado nas mesmas condicións que os anteriores se a 31/12/2019 xa ten a formación necesaria.
Fan un remendo da carreira profesional que non chega para incorporar a todo o persoal. Por medio, CCOO e UGT louvando a mellora.
Punto 6. Acordo Kafkiano que ninguén entende
Neste punto que parecía redactado por Xan das Bolas, houbo que pedir aclaracións para ver que carallo dicía: ao final o que querían dicir era que as prazas dos procesos de consolidación non contabilizan para a cuantificación das promocións internas no referente ao persoal laboral.
En palabras do DXFP: "os procesos de consolidación non van contar no sumatorio para a cuantificación de prazas para a promoción interna (ou sexa se tes 100 prazas de consolidación e 200 de libre; a promoción interna contabilizase nunha proporción das 200)".
Ningún comentario:
Publicar un comentario