O mércores 19 publicamos unha nova titulada “A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público”, onde informabamos de que a EGAP faría caixa coa formación das empregadas e empregados públicos. Faciamos referencia a dous cursos publicados no DOG dese día: curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP) e curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos.
Ao redactar a nova, fixemos pola nosa parte unha interpretación errada ao afirmar que co curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 sucedía o mesmo que co curso sobre transparencia. Advertido o erro, corrixímolo: mentres no curso superior sobre transparencia si se lle vai cobrar o persoal funcionario e laboral da Xunta de grupos A1, A2, I e II 200 euros, no curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 só terán que pagar aquelas persoas que non sexan empregados/as públicos da Xunta de Galiza.
Corrixido o erro, aproveitamos para facer unha reflexión colectiva: a formación continua é un piar fundamental para que os empregados públicos desenvolvan axeitadamente o seu traballo. É totalmente inaceptábel que a formación nunha materia tan importantes se “oferte” unicamente ao persoal dos grupos superiores da administración, polo que rexeitamos este proceder da EGAP e esiximos que a formación se ofreza por igual a todos os empregados públicos que para desenvolver o seu traballo diario necesitan ter coñecemento nesas materias.
Dende a CIG entendemos que os recursos públicos da EGAP deben estar dirixidos á formación dos empregados públicos e non do persoal alleo á administración pública, aínda que sexa pagando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario