Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 8 de maio de 2018

A EGAP conmemorará o Día das Letras Galegas cun acto literario, unha mostra de arte e unha viaxe cultural

A Escola Galega de Administración Pública unirase á celebración do 17 de maio a véspera cunha conferencia impartida por Fina Casalderrey en relación coa vida e a obra de María Victoria Moreno Márquez. Acompañaraa o músico Emilio Rúa, quen interpretará dúas composicións propias baseadas nos textos da autora protagonista da efeméride.

Este acto literario desenvolverase o 16 de maio ás 12.00 h no salón de actos da Escola, e ao seu remate inaugurarase no mesmo lugar a Mostra de Arte das Letras Galegas, integrada por creacións artísticas de traballadores/as da Administración autonómica. A exposición manterase aberta ata o 15 de xuño.

O propio Día das Letras Galegas terá lugar un percorrido polos escenarios nos que transcorreu boa parte da vida da escritora. Esta viaxe cultural, de 50 prazas dispoñibles, está dirixida especificamente ao persoal empregado público.

Para participar nestas actividades é necesario facer a matrícula telemática na web da EGAP entre mañá e o 13 de maio ás 23.00 h. Unha vez formalizada a inscrición, quen decida apuntarse á viaxe ten que enviar tamén un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, indicando nome, apelidos e datos de contacto, así como o vínculo de pertenza a calquera das Administracións públicas de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario