Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 8 de xullo de 2016

Publicada no DOG a Lei da paga extra 2013 ou Lei "Pepe Gotera e Otilio"

Sae publicada no DOG do 6 de xullo a seguinte lei (collede aire): LEI 7/2016, do 1 de xullo, pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Resumindo, trátase da lei pola que nos devolven ao longo deste ano o terzo do complemento específico que nos roubaron na paga extra de xuño de 2013. Aquela na que nos quitaron por vez primeira o dito complemento específico (ou equivalente de persoal laboral) nas pagas extras e así seguimos hoxe. O problema foi que a lei de orzamentos dese ano entrou en vigor o 1 de marzo e pretenderon facer un recorte retroactivo ilegal. A que se parece ao que fixeron coa paga extra de 2012? Pois si, e volvérono facelo, a ver se colaba a chapuza. Pero, de novo, non volveu colar.

E non colou, amoreáronselle as sentenzas desfavorables nas diferentes instancias xudiciais, non só no Tribunal Superior de Xustiza ou no Tribunal Supremo. E como sempre, de sentenzas xudiciais a moreas, logo veñen as ofertas de "acordo", a ver se facemos un apaño, saímos do paso e mesmo  marcamos un tanto eleitoral. Cero autocrítica, cero responsabilidade, pero non lles quedou máis remedio que facelo porque gañamos e AS COUSAS GÁÑANSE LOITANDO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario