Desde a Confederación Intersindical Galega facemos un chamamento a participar nos actos e mobilizacións convocados arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres.
A CIG convoca unha manifestación nacional que partirá ás 12:00 horas desde o edificio CERSIA (situado fronte á segunda entrada do Estadio de San Lázaro, preto do edificio sindical, en Compostela) até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, porque simboliza a nosa resposta ante os recortes e a pasividade do goberno fronte a violencia machista.
Esta manifestación convocada pola CIG para a propia mañá do 25 de novembro non será a única da xornada, por iso facemos un chamamento a participar nas mobilizacións, concentracións e accións de rúa convocadas polo movemento feminista en Galiza, e concretamente nos convocados pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, en:
- A Coruña: ás 20:00 h no Obelisco
- Ferrolterra: ás 19:00 h na Praza do Inferniño
- Ourense: ás 19:00 h no Parque de San Lázaro
- Compostela: ás 20:00 h na Praza 8 de Marzo
- Vigo: ás 20:00 h na Farola de Urzáiz
Desde a CIG somos conscientes de que o sistema capitalista precisa a desigualdade entre homes e mulleres para seguir consolidando a ideoloxía patriarcal.
O patriarcado foi a primeira estrutura de dominación e subordinación da historia sobre a cal se asentaron as demais e hoxe en día segue a ser un sistema básico de dominación, que pese a ser o máis duradeiro en canto á desigualdade, é o que menos se percibe como tal.
O capitalismo non é posíbel sen o patriarcado, por iso é preciso que as mulleres nos organicemos e loitemos contra a exclusión, a marxinación, a discriminación, a pobreza, a violencia, o machismo.
Seguiremos en loita combatendo o heteropatriarcado, COMBATENDO A VIOLENCIA MACHISTA lembrando o 25 de novembro todos os días do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario