Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 25 de novembro de 2016

Aclaracións á sentenza da exención do IRPF na prestación de maternidade

Con relación á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (810/2016 de 6 de xullo, sala contencioso-administrativo) que declara a PRESTACIÓN POR MATERNIDADE QUE ABONA A SEGURIDADE SOCIAL COMO EXENTA DO IRPF, o cal vai en contra do criterio seguido pola Axencia Tributaria, tras revisar o asunto coa nosa Asesoría Xurídica, esta é a información  xeral da que dispoñemos:

Ao ser unha sentenza dun Tribunal Superior de Xustiza non crea xurisprudencia, pero fai unha interpretación dunha norma que é aplicábel a todas as persoas que están na mesma situación que a demandante. 

A AEAT interpretaba o artigo 7.h) da Lei do IRPF no sentido de que só estaban exentas de tributar as prestacións públicas por maternidade percibidas das Comunidades Autónomas ou entidades locais (polo tanto, non as do Estado) e a sentenza aclara que o parágrafo anterior tamén declara exentas as demais prestacións públicas por nacemiento, parto ou adopción múltiple, adopción, filos/as a cargo e orfandade, entre elas a prestación de maternidade que aboa o INSS.

Non é previsíbel que a AEAT vaia modificar o seu criterio por esta sentenza, pero haberá que prestar atención ás próximas notas informativas.

Como poden reclamar as persoas que estean na mesma situación?


1. Escrito na delegación de Facenda de Solicitude de Rectificación e Devolución de ingresos indebidos, facendo constar o exercicio que se reclama. Hai que ter en conta que a prescrición das débedas tributarias é de catro anos, así que o último ano que se pode reclamar é 2012.

2. Reclamación en vía administrativa. Como o máis probábel é que o deneguen, hai que completar a vía administrativa: alegacións, recurso de reposición e reclamación económico-administrativa.

3. Demanda xudicial na Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza. Se se conseguen sentenzas favorábeis, habería que estudar a posibilidade de extensión.

E alguén que foi nai en 2016, ten que declarar a prestación na próxima declaración da renda?


Salvo que a AEAT modifique o seu criterio, parece máis aconsellábel declarar a prestación como renda do traballo e logo presentar a solicitude de rectificación, nos termos indicados anteriormente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario