Na Xunta, máis que carreira é unha maratón |
O persoal que por antigüidade accedería ao sistema extraordinario de carreira profesional pero non cumpre o requisito de ter 40 horas de formación, está a recibir aviso das xefaturas territoriais para que aporten a documentación que poida emendar a súa exclusión do acceso ao grao I anticipado.
Temos información de que só en Educación estarían excluídas 73 persoas en Pontevedra e 115 na Coruña. Pero sen poder contabilizalo sabemos de moitos casos en todas as consellarías e ámbitos territoriais.
Non fai tantos anos que non existía a teleformación, ou que os exames e asistencia as clases eran case sempre en Compostela, tempos en que o director ou directora dun centro non autorizaba a asistencia a cursos especialmente se falamos de centros con pouco persoal como os de ensino. Ou simplemente non existía incentivo por falta de expectativa de promoción (moi evidente nalgunhas localidades e nalgúns corpos/escalas).
Resulta que os cursos de formación válidos son os da EGAP e escolas de formación análogas do Estado e demais comunicades autónomas, os da Academia de Seguridade, e os de sindicatos. Isto exclúe os cursos de galego e os que as consellerías fixeron pola súa conta.
Algúns exemplos de cursos das consellerías (organizados por interese e en beneficio da Administración),e que non son recoñecidos, son, por exemplo, os seguintes:
- “Curso de iniciación para a informatización das secretarías de centros educativos” (40 horas)
- “Formación en medios informáticos” (30 horas), organizado dentro do plan de formación do profesorado.
- “Curso de perfeccionamento en informática para persoal adscrito ás secretarías dos centros educativos - proxecto estrela” (30 horas).
O Acordo de Concertación fixa outros posíbeis criterios de avaliación (dispoñíbeis no texto do Acordo). O último deles permitiría incluír a quen traballou dous anos en postos con características de illamento, soidade ou distancia con centros de formación.
Os criterios regulados no Acordo son de aplicación unicamente para o acceso anticipado aos graos I e II. Os demais casos non están regulados e non somos quen de imaxinar os problemas que pode xerar no futuro ao non coñecer cales serán as esixencias.
Como posíbeis solucións, solicitamos flexibilidade na súa interpretación, ou que habiliten de urxencia dende a EGAP cursos de teleformación, ou que na Orde que regulará o acceso extraordinario ao grao I se contemple que os requisitos de formación se teñan nun prazo de 6 meses. Pero en vista dos numerosos problemas que ten, a CIG directamente reclama a renegociación do Acordo de Concertación asinado por CCOO, UGT e o goberno de Feijoo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario