Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 5 de abril de 2019

A CIG denuncia o desmantelamento das oficinas agrarias comarcais

Dende a central advirten de que falta xa unha quinta parte do persoal por amortizacións ou falta de dotación orzamentaria


A CIG-Administración Autonómica denuncia que a falla de dotación de persoal e medios nas oficinas agrarias e a privatizacion ou extinción das funcions que realizan os profesionais destas oficinas de atención ao cidadán, labrego/a e gandeiro/a “producirán a sua desaparición en poucos anos”.

A necesidade de asentar poboación no rural que dinamice un sector primario produtivo compatible co entorno e o medio, asegure a prestación de servizos na poboación e sirva como única medida sostible a curto e medio prazo contra as vagas de incendios forestais “contraponse coa política da Xunta de Galiza que está a realizar un desmantelamento efectivo das oficinas agrarias comarcais, precisamente na lexislatura que Feijóo denominou do medio rural".

Así o denuncia a CIG-Administración Autonómica que alerta do esmorecemento das oficinas agrarias “por deixadez e retirada de funcións cara empresas como a formacion aos labregos e labregas e tramitación das axudas da PAC”.

A isto engade que se establecen veterinarios  e técnicos agrarios itinerantes entre oficinas para os traballos de oficina e de inspección gandeira.


Falta de persoal


Asegura ademais que nos últimos anos non se cobren postos vacantes e comezan a amortizarse prazas -de forma indirecta ao deixándoas sen dotación orzamentaria- o que deu lugar a que “na actualidade falte unha quinta parte do persoal das oficinas agrarias”.
Esta falta de persoal fai, segundo a CIG-Autonómica, que as oficinas estean pechadas en períodos de tempo ou estean abertas certos día da semana o que dá lugar á itinerancia (ir de un lado para outro) das persoas que acoden as oficinas agrarias para atender as súas xestións agrarias.

A falta rexistros habilitados, tanto de persoal coma de medios, impide que nestas oficinas se poida facer un acompañamento efectivo na alfabetización dixital e xestións dixitais que teñen que facer unha gran parte dos administrados na actualidade (persoas xurídicas) e en breve todas as persoas físicas.

Negocio paralelo


Ante esta situación está a xerarse un negocio de xestión paralelo (xestorías agrarias) que está a ocupar o espazo do servizo público que durante décadas representaron as oficinas agrarias comarcais (herdeiras das axencias de extensión agraria).

“Pérdese a vinculacion do persoal das PAC co entorno o que impide dinamizar e establecer plans e progamas dirixidos tanto á poboacion activa como ás persoas titulares da terra, na procura dese tan desexado "desenvolvemento rural", base da nosa paisaxe”, denuncia.

Previsión desoladora para a vindeira década


A previsión na vindeira década é que esta situación se acelere, se non se poñen xa medidas, xa que na actualidade o 60% do persoal das oficinas agrarias ten máis de 51 anos; o que supón que unha gran parte do persoal xubilarase non vindeiros anos sen estar garantida a súa substitución.
A CIG denunciou esta situación en numerosas ocasións (como coa denuncia de falta de persoal na OAC de Xinzo de Limia ou na OAC de Lugo -neste caso a través da xunta de persoal-), especialmente nos órganos de representación das/os empregadas/os pública/os; mais considera a situación “o suficientemente grave para toda a sociedade como para que se faga pública con carácter xeral ao estarmos a xogar co futuro do noso rural”.

Agarda que “non teñamos que perder as oficinas agrarias para comezar a valorar o traballo que realizan a prol do noso medio rural”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario