Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 11 de abril de 2019

Modificacións ás bravas dos horarios de conciliación familiar

Estes días son nas Oficinas Agrarias Comarcais, mañá quen sabe. É este o compromiso da Xunta coa conciliación? É este o seu apoio á familia?

A Consellería de Medio Rural está a enviar estes días escritos polo que se modifica, polas boas, os horarios flexibles por conciliacicón familiar ao persoal das Oficinas Agrarias Comarcais.

Segundo a información que temos, estarían a chegar os escritos ao persoal técnico (veterinarios/as e enxeñeiros/as tec. agrícolas), baseándose en que estas oficinas teñen un carácter de oficina de rexistro e atención ao público.

O caso é que, segundo se desprende da notificación, ou aceptan a modificación que lles propoñen (de 09:00 a 14:00) ou lles revogan o horario por conciliación familiar. Sen máis.
A modificación no caso da flexibilidade familiar ten que estar debidamente motivada e máis robustecida ca no caso da flexibilidade 'automática'; a flexibilidade familiar é un dereito recoñecido na lexislación de emprego público de Galiza a través da lei de igualdade. Esa motivación de modificación ha de estar singularizada e non pode ser baseada en función das xenéricas necesidades do servizo senón en función das tarefas do posto e estudando o resto de recursos humanos dispoñibles. Motivar insuficientemente faría a resolución arbitraria e nula. Hai un procedemento e uns prazos, que teñen q respectar, ademais.

Certo é que, en último caso, mandan as necesidades do servizo, pero hai que concretalas. E se eses postos non fan atención pública nin traballos suxeitos a un horario fixo, esa resolución decae nun xulgado. Por nin falar que habería que facer un estudo do cadro de persoal, cargas de traballo, condicións familiares e reparto de tarefas; non ten sentido obrigar a estar de 9 a 14 h a todo o mundo se hai xente que para esas concretas tarefas non ten flexibilidade familiar e xa vai estar de 9 a 14 h.

Nos casos de flexibilidade familiar as dinámicas da xurisprudencia están sendo bastante favorables. Non sabemos porque se meten neses xardíns que ademais poden ter consecuencias de desgaste político para o Goberno da Administración que as aplica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario