Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 30 de decembro de 2015

360.000€ en convenios coa prensa para amosar a potencialidade de Santiago e divulgacións de I+D+I

Ao final do ano publican estes convenios subscritos xa no primeiro e segundo cuadrimestre.

Se as subvencións para os medios de comunicación publicadas no DOG do 28 de decembro souberon a pouco, no DOG do 29 de decembro publícanse un total de 360.000€ en convenios de colaboración subscritos pola Secretaría Xeral de Medios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U e máis coa Editorial Compostela, S.A.

No primeiro cuadrimestre a Secretaría Xeral de Medios suscribiu un convenio de colaboración con Editorial Compostela, S.A. para a difusión informativa da potencialidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación do grupo El Correo Gallego por valor de 115.000€.

No segundo cuadrimestre este mesmo órgano suscribiu dous convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U: o primeiro por valor de 125.000€ tamén para a difusión informativa da potencialidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación do grupo e o segundo por valor de 120.000€ para a divulgación de información relacionada coa investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia.


Hai que ter en conta que nestes convenios non hai máis colaboración que o medio publica o que lle mandan e a Administración paga. Na actualidade, non hai máis información que a que publica o DOG: o nome do convenio e a achega económica da Administración autonómica, nin sequera a data exacta de sinatura ou efectos. Logo, pouco podemos saber de como van "amosar a potencialidade de Santiago" ou "divulgar o I+D+I".

Adicionalmente, son varios os departamentos da Xunta, senón todos, os que asinan convenios de colaboración con varios medios de comunicación para a difusión de información relacionada coas súas competencias. Entre as divulgacións relacionadas anterioremente hai varias consellarías que ostentan esas competencias e que as poderían incluír nos convenios que xa fan de por si cos diferentes medios de comunicación. Por exemplo, o I+D+I, é un tema transversal ás consellarías de Industria, Educación ou Mar; o de potenciar unha entidade local podía ser asumido pola consellaría de Presidencia, ou ben pola de Facenda dada o convenio que se asina todos os anos co concello para gastos ocasionados polo título de capitalidade do país.

Agora ben, para cando un control transparente da publicidade institucional directa ou indirecta, coma nos casos dos convenios?

Ningún comentario:

Publicar un comentario