Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 23 de marzo de 2016

Ampliáse a Oferta de Emprego Público da Xunta con 10 bolsas de "formación"

Segue a Xunta fomentando a política de traballo precario nas súas instalacións, desta volta desde a Axencia Galega de Turismo. No DOG do 23 de marzo publícase a convocatoria de dez "bolsas de formación práctica en diversas áreas" desta axencia para o ano 2016; 8 para traballar en oficinas de turismo e 2 para traballar na Área de Estudos Turísticos. No DOG do 2 de marzo do 2015 xa figuraba a convocatoria do ano pasado e sume e segue.

Chega o verán, vacacións e repunte do turismo e se hai que reforzar as oficinas de ídem pois tiramos de bolseiros, iso si, para a súa formación práctica, a pesar de que puntúea a "experiencia previa" na propia convocatoria. Ou a caso o 100% do traballo derivado desa formación, desbótase ou non se aproveita? E aí xa temos materia de demanda laboral. Precisamente, no eido laboral recordamos que existe un modelo de contrato de formación para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior que se chama "contrato de traballo en prácticas".  No eido da Función Pública e visto que se repite, non estaría de máis crear as prazas necesarias en RPT e cubrilas consonte aos procedementos legalmente establecidos.

Logo queda a visión condescendente de que é polo seu ben, que así a mocidade colle experiencia e sacan uns cartiños para os seus gastos. E menos mal que desde o 2011 págase cotas á Seguridade Social pero sen dereito a desemprego, ollo; aínda así unha Administración pública debera dar exemplo e non potenciar o traballo precario nas súas instalacións. E non o dicimos exclusivamente polas retribucións dos 650€ mensuais por traballar nas oficinas de turismo da Xunta, pola man de obra barata, senón polo que levan implícitas no fondo as "bolsas de formación": a  potenciación do traballo sen contrato/nomeamento legal nas Administracións públicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario