Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 26 de xullo de 2017

A Consellaría de Facenda incumpre a lei, manten o descontrol sobre os seus arquivos e paga por iso 50.000€ anuais

Hai diñeiro para pagarlle a empresas privadas polo traballo de persoal público ou para crear outros postos pero non para crear os que manda a lei de arquivos.


A Consellaría de Facenda vén de remitirnos a súa proposta de modificación de RPT e atopamos o de sempre: amortización de postos base para crear un puñado de postos de maior nivel e invirte así aínda máis a súa pirámide de recursos humanos.

Pola contra, seguen incumprindo reiteradamente a lei polo que se refire a creación dunha unidade central de arquivo. E non é que nesta consellaría estea sobrada de necesitar traballos de arquivística. Hai un descontrol total na xestión dos arquivos  e na destrución de documentación, e iso a pesar dos 50.000 € anuais que gastan varios centros directivos na xestión privada destes arquivos en locais externos.

Vaia como exemplo algunhas fotos e os seguintes comentarios:

Principais deficiencias existentes nos servizos centrais da Consellería de Facenda en materia de xestión documental

  • Existencia dun depósito de preto de 9.000 unidades de instalación en San Lázaro, sen persoal técnico que se faga responsable de xeito real da súa custodia e control. Parte desta documentación está sen organizar e o resto, tratada no seu momento por persoal arquiveiro, perdeu a aplicación informática de xestión, o cal imposibilita a recuperación áxil da información.
  • Locais das oficinas saturados de documentación sen tratar e sen posibilidade de transferila ao depósitos polo seu colapso.
  • Como consecuencia do anterior, privatización da custodia os expedientes dalgúns departamentos (D.X. de Función Pública e ATRIGA) co conseguinte custo económico soportado (superior aos 50.000 euros anuais) dado o gran volume documental depositado en empresas (superior a 80.000 unidades de instalación). Este punto é especialmente sangrante, principalmente por dous motivos:
    a.- a gran relevancia que teñen eses expedientes para a salvagarda dos dereitos da cidadanía, sen que exista un mínimo control sobre eles
    b.- a propia Consellería de Facenda está incumprindo de xeito manifesto a súa política de “alugueres 0”
     
  • Imposibilidade da Intervención Xeral de recibir e xestionar tanto a súa propia documentación como a producida polas intervencións delegadas do resto de Consellerías
  • Existencia doutros entes dependentes da Consellería situados ao marxe do sistema de xestión documental da Xunta de Galiza: Instituto Galego de Estatística, CIXTEC,....
  • Mala organización e aproveitamento do resto de depósitos e deficiente recuperación dos expedientes debido á falta de control sobre eles
  • Gran produción anual de expedientes, o cal agrava, ano tras ano, a situación límite existente. Aínda que no futuro se prevé unha redución da produción documental en papel, como consecuencia da implantación da administración electrónica, no momento actual aínda non nota substancialmente esa baixada (convídase á Consellería a que faga un estudo rigoroso sobre este tema para que extraia así conclusións contrastadas e non tome decisións baseadas en opinións pouco fundamentadas que van en prexuízo da boa xestión documental da administración autonómica)
  • Falta de formación en materia de arquivos dos funcionarios do departamento.
  • Destrución descontrolada de documentación, á marxe dos procedementos regulamentariamente establecidos, o que constitúe unha infracción moi grave segundo a Lei de Arquivos e Documentos de Galicia.
  • Alto número de consulta dos expedientes tramitados que son atendidos por persoal funcionario que teñen que abandonar as súas funcións propias por atender estes requirimentos.
  • Ausencia de persoal especializado para facer os correspondentes estudos e propostas de selección e eliminación de documentos ao Consello de Avaliación Documental, mediante os cales se reduciría o enorme volume de expedientes producidos.

Por todo isto, resulta imprescindible que se cree un arquivo central da Consellería de Facenda e se dote de persoal especializado para a súa xestión documental. Deste xeito, evitaríase outro grave caso de incumprimento da Lei de arquivos e documentos de Galicia, que establece no seu artigo 38 que  á fronte de cada arquivo central haberá unha persoa do corpo facultativo superior de arquivos

Ningún comentario:

Publicar un comentario