Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 21 de xullo de 2017

Substitucións mediante listas do Sergas

Na comisión de listas do martes 18 de xullo, a Administración trasladounos a proposta que xa adiantara na Mesa Xeral do día anterior, consistente en utilizar as listas do Sergas antes que os chamamentos do INEM en determinadas categorías, na procura de tentar solucionar a situación que se está a dar por falta de xente nas listas ou porque esas persoas prefiren traballar no Sergas e non acoden aos chamamentos da Xunta. 

O problema refírese practicamente a categorías sanitarias e, sobre todo, á categoría de ATS, nas que aseguran que non teñen xente e é urxente a cobertura temporal das prazas por vacacións.

A proposta consiste en acudir ás listas do Sergas sempre que a lista de Función Pública dunha categoría estivese esgotada ou esta simplemente non existise (este último caso só se dá no servizo de cancro de mama e a categoría de técnico en radioloxía). Comunican que neste momento as listas de enfermeiros/as están esgotadas polo que estamos a ter un problema serio para a cobertura das vacacións.

A proposta da Administración vulnera o V Convenio Colectivo, pois o artigo 7º de dita norma pactada entre sindicatos e administración establece que se non existen listas para unha categoría, solicitarase un mínimo de tres persoas nun chamamento xenérico do Servizo Público de Emprego. Ante esta contradición co Convenio, a CIG reclamou que o asunto debe ser tratado entre Administración e Comité Intercentros.

Entendemos que estamos ante unha situación que se pode e se debe prever e, xa que logo, calquera medida que se tome por urxencia debe ser extraordinaria, limitada ao momento no que estamos.

Indicativo da falta de previsión é o feito de que os cadros de vacacións de cada centro deben estar feitos antes do día 30 de abril e, xa que logo, debería existir unha previsión de datas nas que sería necesaria a contratación temporal con antelación suficiente.

Pero debemos tomar medidas de cara ao futuro para que non se repitan. A tal fin, a Comisión de Listas acordou:
  • Antes de que se esgoten as listas, ou en previsión de que se poidan esgotar, facer os chamamentos ao INEM do seguinte xeito: Sen agardar a que se esgoten as listas, cando se prevea que poden chegar a esgotarse en épocas como o verán ou Nadal, ter preparados previamente os chamamentos ao Inem de maneira que no momento que se precise facer unha substitución xa estea a selección feita.
  • Faríase unha lista de selección no INEM cunha vixencia determinada e que só se utilizaría cando se esgotase a lista da Xunta.

Pola nosa parte, faremos consulta coa nosa asesoría xurídica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario