Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 2 de xaneiro de 2018

A EGAP convoca novos cursos de linguaxe administrativa galega

O DOG do 2 de xaneiro publica a convocatoria da EGAP dos cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

En colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca 28 edicións e 700 prazas de cursos de linguaxe administrativa galega e linguaxe xurídica galega dirixidas aos empregados públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cursos van dirixidos ao persoal público destinado nas administracións territoriais, institucionais, entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao persoal da Administración de xustiza e persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades do sistema universitario galego.

Para o persoal ao servizo da administración xeral da CA de Galicia, institucións e entidades públicas instrumentais do sector público autonómico os cursos ofertados son:

Curso medio de linguaxe administrativa galega

  •    Teleformación: 8 edicións con 25 prazas por edición
  •    Presencial: 1 edición con 25 prazas por edición

Curso superior de linguaxe administrativa galega
  •    Teleformación: 11 edicións con 25 prazas por edición
  •    Presencial: 2 edicións con 25 prazas por edición

Para optar a estas actividades é preciso ter validado ou superado na data desta resolución algún dos cursos que se indican a continuación:
  • Para o curso medio: o curso Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.
  • Para o curso superior: o curso medio de linguaxe xurídica galega, o curso medio de linguaxe administrativa galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño).
O prazo de matrícula está aberto desde as 8 horas do 3 de xaneiro ata as 14 horas do 10 de xaneiro en https://egap.xunta.gal/matricula

Ningún comentario:

Publicar un comentario