Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 21 de febreiro de 2018

Feijóo vota en contra da supresión da lei de medidas "temporais" do 2012

Lembrades cando o propio Feijóo dixo aquelo de "non lle podo pedir máis ao noso persoal público"?  Era xullo de 2012 e acababan de secuestrarnos a paga extra de nadal, secuestro que duraría anos. Pouco despois, Feijóo volvería a innovar en recortes no sector público, coa supresión do complemento específico da paga extra durante 3 anos. O martes, 20 de febreiro, volveu a dicir unha cousa e facer o contrario.

Este 20 de febreiro debateuse no Parlamento de Galiza a proposición de Lei, presentada pola organización política EN MAREA para a derrogación da Lei 1/2012, de medidas temporais do emprego público de Galiza excepto a suspensión do plus dos ex-altos cargos.

Galiza foi o laboratorio de probas dos recortes contra as traballadoras e traballadores públicos desde a implantación a comezos do 2012 da nosa propia lei de medidas; logo viría a do Estado español. Esas medidas ben que anunciaron que ían ser temporais e logo ou aí quedaron ou mesmo as incorporaron á lei de emprego público como a do desconto na nómina por incapacidade temporal independentemente do cadro de persoal de baixa, por certo, polo que moito sentido do aforro non ten, senón máis ben punitivo.

Os argumentos

En Marea, PSOE e BNG argumentaron e xustificaron a urxencia da súa derrogación. Argumentos como a temporalidade da lei, de dous anos ou que a súa vixencia é condicionada a subsistencia das difíciles circunstancias económicas e xa foron superadas. Así, xa vai para 6 anos dende a súa promulgación, que foi unha verdadeira involución da negociación colectiva e un paso máis da reforma laboral do goberno de Madrid.

Os indicadores económicos, dos que tanto se gaba o presidente da Xunta, acreditan que o produto interior bruto no ano 2015 creceu nun 3,2%, no ano 2016 mellorou nun 3,4% e no 2017 estará arredor do 2,7%. Mesmamente, na exposición de motivos das diversas leis de orzamentos destes últimos anos, se acredita esta mellora das contas públicas de Galiza e se recoñece o esforzo feito polos empregados públicos cos recortes económicos e sociais que sufriron.

Os argumentos macroeconómicos que deu Feijóo para a posta en marcha da lei de medidas "temporal", non lle valen  agora  para suprimila. Iso si, valéronlle para facer méritos de cara a postularse como sucesor de Rajoy, aínda que agora semella que non lle vai valer de moito...

A realidade é que moitas desas medidas tiñan un compoñente máis ideolóxico e de castigar ao "privilexiado persoal público" que de aforro real como xa demostramos no seu día nun Boletín especial feito durante a noite de peche en San Caetano.

Tamén foi alegado que os recortes da Lei 1/2012 teñen un enorme custo para a saúde e para a conciliación da vida laboral e familiar do persoal público como consecuencia da suspensión dos descansos adicionais polo traballo en festivos e domingos e pola suspensión do descanso de dous días naturais por semana de traballo, pola usurpación do fondo de acción social, etc.

Pos ben, aínda con todos estes argumentos e a pesares dos reiterados discursos de Feijoo de que o persoal público ten que recuperar os dereitos perdidos polo esforzo que se lles pediu en tempos de crise económica, o Partido Popular votou en masa contra esta proposición de Lei.

Un dos argumentos esgrimidos polo portavoz do PP foi o carácter mutante desta proposición xa que agora non se pide a derrogación da totalidade da lei como se presentaba ata o de agora, senón que se pretendía deixar vixente a suspensión do plus de ex-altos cargos da Xunta. Ou sexa, estaba dicindo que de non pedir o mantemento da suspensión deste plus votarían a favor da súa total derrogación? Por favor...

O Presidente da Xunta de Galiza mente cando vende a recuperación dos dereitos das persoas empregadas públicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario