Foi primeiro no Debate do Estado da Autonomía cando escoitamos as dúas grandes actuacións deste ano de Feijóo para referirse ao persoal público: unha, o pagamento en outubro do segundo cuarto da paga extra de 2012, outra, a promesa de facer concursos de traslados "máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade". E xusto agora, despois de varios anos sen amañar nada, en plena época preelectoral, ímoslle crer cando esas palabran veñen ademais sen proposta concreta!?
Definitivamente, deben estar de coña. Non pode ser que cheguen despois de case 7 anos de goberno, con todo o que vivimos dos concursos de traslados na Xunta, e saian agora con isto. Tanta informatización do proceso e logo sacar unhas listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas resulta un desafío, os concursos de corpos especiais ou laborais sempre teñen atrancos que nunca dan solucionado... e logo está a promesa do concurso permanente que nunca puxeron en funcionamento.
O único que fixeron foi falar permanentemente dos concursos cuns resultados que non chegaban a cumprir o que recollía a antiga lei de función pública de 1 por ano. Curioso que nós teñamos que cumprir o do 2 anos de permanencia no posto pero a Xustiza permítelle a Administraicón incurmprir o do concurso anual por temas da "potestade organizativa".
Como se non bastase coa broma, na reunión para falar dos Orzamentos 2016 referidos ao capítulo I (masa salarial do persoal público) o director xeral da Función Pública volveu a referirse a este tema como "desexo persoal do conselleiro de Facenda". Non sabemos se o falaron aí porque pensan artellalo con referencia ao texto legal dos Orzamentos ou facer algunha modificación legal da lei de emprego público vía lei de acompañamento. O caso é que nesta reunión tampouco trouxo acción, proposta concreta ou prazo algún. Tiñan que engordar o paquete de amplas e xenerosas medidas para o persoal público.
A nosa proposta son os concursos permanentes para todo o persoal, que xa recollía o Convenio colectivo no 2008 para persoal laboral e que nunca se puxo en marcha. Deste xeito gañaríamos nós pero tamén os servizos públicos xa que non se producirían desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas.
Loxicamente non os puxeron en marcha porque nunca lles interesou pois sempre é mellor ter miles de prazas en cobertura temporal a incluír no mercado negro das comisións de servizo que seguen tendo unha concesión subxectiva e nada transparente. Sempre é mellor se queres unha xestión discrecional na política de persoal.
Moi bo artigo tanto no fondo como na forma de todos os xeitos como ben se dí no artigo parece que nos están tomando o cabelo (dende Función Pública, ou hai algunha man negra detrás?) sobre todos cos prazos, primeiro din que a lista provisional do concurso xeral será en setembro, logo que non deu tempo que 15 días mais tarde, estamos a 19 de outubro e non saiu, nin se sabe cando sairá, pero si se pregunta a Función Pública dirá que dentro de outros 15 días ou como xa me responderon que "no vindeiro ano" cal o 2016, 1017...de coña e seguirán así namentras nos se lles exixa responsabilidades. Saúdos Fulgencio.
ResponderEliminar