Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 23 de novembro de 2015

Borrador das novas instrucións de permisos, vacacións e licenzas: que hai de novo?


Dito e feito. O mércores denunciabamos a utilización da vía de feito na xestión do permiso por exame, en concreto da Consellaría de Política Social, e ao día seguinte chegou o borrador das novas instrucións de permisos onde vén recollida parte desa vía de feito como unha proposta de modificación das instrucións. Pois ben, canto menos que garden as formas e esperen a aplicar a nova norma ata que estea aprobada e publicada.

Este novo borrador vén a fusionar as instrucións de 2013 coa modificación recente de xullo deste ano (para adaptalas á nova lei de emprego público) e incluír ademais as recentes modificacións referentes ás vacacións e aos mosocos. Como non, polo camiño, meten tamén algunha puntilla e outras que estaban metidas, deixannas igual.

En calquera caso, parabéns, que isto ían remitilo vai dúas semanas e o atraso foi só dunha, non como outras moitos temas que escoitamos que "van remitir un borrador esta semana" e logo nin esta semana, nin a seguinte, nin a seguinte....

Que hai de novo? 


Lembramos que as instrucións son de apliación a todo o persoal funcionario e persoal laboral suxeito ao V Convenio colectivo que preste os seus servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma e nas seguintes entidades públicas instrumentais: organimos autónomos, axencias, consorcios e entidades públcias empresariais. Non se lle aplica polo tanto ao persoal docente, santiario ou dos xulgados.

A proposta actual estructúrase en 4 seccións: vacacións, permisos, licenzas e redución e adaptación da xornada de traballo. Neste último aspecto, até o de agora só se recollía a redución de xornada por interese particular.

Aínda  así, non figuran nestas instrucións todos os permisos referidos a cuestións de conciliación da vida familiar e laboral que si figuran no anexo no referente a acreditación documental (maternidade, paternidade, adopcións - incluídas as internacionais- realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto ou permiso para tratamentos de fecundación asistida). Para todo o anterior, recordamos que esta o Capítulo IV da Lei de emprego público de Galicia.

 

Vacacións


Eliminan a posibilidade de gozar de xeito separado ata 6 días ao ano e que estes 6 días poidan xuntarse aos días por asuntos persoais. Supoñemos que pensaron que ao meter os días de asuntos persoais por antigüidade xa non era preciso "tanta xenerosidade". Pois ben, convén recordar que aquí tiñamos 9 días de asuntos propios ata febreiro de 2012 con carácter xeral e agora temos 6; xa só por isto hai razón para manter esa pequena flexibilidade no gozo fraccionado das vacacións.

Introducen ata 4 días adicionais por antigüidade consonte ás últimas modificacións que viñeron do Estado.

Introducen o recoñecemento das vacacións non gozadas ao persoal que proceda da situación de servizos especiais/excedencia forzosa e da situación de servizo noutras Administracións, unha vez que se produza o reingreso ao servizo activo, tal e como sucede na Administración Xeral do Estado.


Permisos

  • Falecemento, accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar (sen cambios)


  • Traslado de domicilio 
Amplían a redación respecto ao texto recollido nas últimas instrucións se ben tampouco desenvolven nada a maiores do que hai na lei.

  • Para concorrer a exames finais, probas definitivas de aptitude e provas selectivas no ámbito do emprego público
Introducen o parágrafo de que non se inclúen neste epígrafe os "cursos de formación do persoal" e que só se dará "o tempo imprescindible", deixando de consideralos como "probas definitivas de aptitude". En calquera caso, só fastidiaría que non derán o "tempo imprescindible" pois recordamos que a formación é un deber e un dereito das empregadas e empegados públicos a desenvolver preferentemente en horario laboral (ou iso di a teoría). Convén recordar que "o tempo imprescindible" cando se trata de distinta localidade pode exceder as 7:30h diarias de traballo efectivo.

Xa que están, poderían recoñecer un crédito mínimo anual para realizar tarefas de formación en horario laboral como teñen na Administración Xeral do Estado. Deste xeito ata superar ese crédito a persoa responsable da unidade non pode limitar o dereito á formación no horario laboral por necesidades do servizo ou alegar que "non está relacionado coas funcións".

  • Lactación (sen cambios)


  • Nacemento de fillas/os prematuras/os ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizadas/as a continuación do parto 
Inclúenno por primeira vez nestas instrucións. Sen novidade respecto ao que recolle a lexislación.

  • Accidente ou enfermidade moi grave 
Inclúenno por primeira vez nestas instrucións. A única novidade respecto ao que recolle a lexislación é obvia: a necesidade ddun informe médico que determine que o accidente ou a enfermidade é moi grave.

  • Cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e máis da asistencia a consultas médica.
Seguen a incluír o polémico parágrafo que penaliza as persoas que teñan unha flexibilización familiar que teñen que recuperar este tempo fronte aos que teñen outro réxime horario que non teñen que recuperalo; todos os permisos na Xunta son non recuperables. Máis información

Os empregados públicos que teñan concedida a flexibilidade horaria por motivos de conciliación familiar e laboral, deberán xustificar a imposibilidade de cumprir cos seus deberes de conciliación no dito horario para poder facer uso deste permiso 

  • Asuntos particulares
Introducen o do 6º día con carácter xeral e o dos días adicionais por antigüidade consonte ás últimas modificacións que viñeron do Estado. Porén, quitan o de que se poidan xuntar coas vacacións, nin sequera con ata 6 días que actualmente se poden gozar de xeito independiente. E iso, insistimos, aínda que aquí partíamos de 9 días de asuntos particulares.

Introducen tamén o recoñecemento dos días de asuntos particulares non gozados para o persoal que veñe da situación de servizos especiais/excedencia forzosa e da situación de servizo noutras Administracións, unha vez que se produza o reingreso ao servizo activo, tal e como sucede na Administración Xeral do Estado.

  • Por razón de violencia de xéneros sobre a muller funcionaria (sen cambios)

  • Matrimonio ou unión de feito
 Coa nova lei de emprego público pasou de licenza a permiso.

Licenzas


  • Asuntos propios 
Aquí o persoal laboral perdeu moito ao pasar dun período máximo de 6 a 3 meses. En calquera caso, matizan o final do parágrafo 4 que inclúe que:

O prazo para o cómputo dos 2 anos para o goce dunha nova licenza de asuntos propios debe comezar a computarse no momento en que remate o goce da licenza anterior, con independencia de que se goce o período total ou non
  • Realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública
 Establécese un período máximo de 6 meses. O resto tal e como recolle a lei de emprego público.

  • Hospitalización prolongada
Inclúenno por primeira vez nestas instrucións. Sen novidade respecto ao que recolle a lexislación.

 

Redución e adaptacións da xornada de traballo

  • Redución de xornada con retribucións: 1) por coidado  por coidado directo do cónxuxe ou parella de feito ou dun familiar ata 1º grado por enfermidade moi grave 2) por coidado fillo/a menor de idade con enfermidade grave.
2) por coidado fillo/a menor con enfermidade grave
A lei establece que regulamentariamente se establecerán as condicións e os supostos en que a redución de xornada prevista nesta letra poderá acumularse en xornadas completas, logo de negociación. Porén, no borrador de instrucións tal proposta de regulamentación se reduce a con carácter excepcional poderán acumularse en xornadas completas. E quen decide ese carácter excepcional?

  • Redución de xornada con diminución de retribucións: 1) por garda legal ou e) por coidado directo do cónxuxe ou parella de feito ou dun familiar ata 1º grado 
En ámbolos dous casos, a lei establece que o límite se establecerá regulamentariamente e este se recolle neste borrador cun límite máximo de 4 horas de duración debendo concretarse na solicitude a exacta franxa horaria sobre a que opera a dita reudción, que será valorada polo órgano competente en materia de persoal, co fin de garantir a prestación eficiente do servizo público e conciliar a concesión desta redución coas necesidades do servizo
 
  • Redución de xornada por interese particular
Entre a regulamentación que xa figuraba nas anteriores instrucións meten no parágrafo 2º o seguinte engadido:

Na solicitude deberá, en todo caso, concretarse a exacta franxa horaria sobre a que opera a dita reducion, que será valorada polo órgano competente en materia de persoal co fin de garantir a prestación eficiente do servizo público e conciliar a concecións desta redución coas necesidades do servizo

Outros


Accidentes ou enfermidades moi graves

Con relación a estas continxencias existe a posibilidade dun permiso retribuído de ata 30 días ou da redución de xornada ata a súa metada sen diminución das retribucións durante un máximo de 2 meses.

O primeiro caso é para atender ao coidado de familiares de primeiro grado, cónxuxe ou parella de feito ou dun menor en acollemento preadoptivo, permanente ou simple, en situación de enfermidade moi grave. O segundo é para atencer ao coidado de familiares de primeiro grado, cónxuxe ou parella de feito en situación derivada de accidente ou enfermidade moi grave.

No anexo II das instrucións, punto 1 - parágrafo 3, fálase de que nestes supostos se acreditará a situación de convivencia, de ser o caso. En que caso? No que decida cada unidade? Porque as instrucións non din nada. Debemos deixar claro, ademais, que a lexislación non fai fincapé en ningún destes dous casos (permiso ou reducción) na convivencia.

Pensemos por exemplo na nai/pai ou sogra/o que viven na súa propia casa de xeito independente e lles sobrevén un accidente ou enfermidade moi grave. E que non se pode solicitar este permiso se previamente non se convivía con eles? Non ten sentido ningún. E a convivencia a posteriori resulta lóxica, aínda que seña a quendas co resto dos familiares, pero ninguén se vai a empadronar na casa dos seus pais ou sogros (ou ao revés) para 1 mes ou menos. Polo tanto, ese requisito documental non procede.

Enfermidade grave

Seguen considerando como "grave" para todos os permisos o relatorio de enfermidades anunciadas no anexo do RD 1148/2011 que está pensado para a prestación económica para o coidado de menores. Na última modificación incluíron tamén o de "ou cando así o determine o informe médico" mais co engadido de "de acordo co disposto no dito Real Decreto".


Solicitudes


Aínda que contemplan o uso preferente dos medios telemáticos e aínda que a tarxeta co certificado de empregado/a público/a xa está implantada, seguimos  con carácter xeral coa impresión en papel das solicitudes e as sinaturas a man. O programa Morpheo segue en probas.



Instrucións actuais:

Ningún comentario:

Publicar un comentario