Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 27 de decembro de 2016

Campaña de concienciación de seguridade. Redes Wifi inseguras e roubo da información

Achegamos información e consellos de interese da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) sobre a alería coa que empregamos as zonas de "wifi gratis" sen cifrar. Seguimos agardando, por outro lado, esa reunión para tratar das problemáticas do persoal informático da Xunta.

Redes Wifi.

Nos últimos tempos o emprego das redes de acceso sen fíos (Wifi) experimentou un enorme crecemento pasando a empregarse de modo habitual nos domicilios, empresas, edificios de acceso público e nas rúas. Existen moitos lugares onde hai redes sen fíos de cortesía que non teñen contrasinais de acceso e que permiten o acceso a Internet ás persoas que as empregan.

A proliferación dos dispositivos móbiles (teléfonos, tabletas e portátiles) e a familiaridade que se acadou co emprego das redes sen fíos fai que en ocasións non se teña consciencia dos riscos existentes no emprego destas redes.

As redes sen fíos poden utilizarse con malas intencións, por exemplo en ocasións suplantan o nome de outras redes lexítimas ou se nomean de modo moi similar para levar a confusión, e os atacantes interceptan o tráfico que circula polas mesmas co obxectivo de obter beneficios económicos do roubo de contrasinais ou datos persoais empregados polas persoas conectadas.

O emprego  de comunicacións sen cifrar permite a captura e modificación dos datos enviados e a suplantación da identidade das persoas ou dos servizos presentados a elas, permitindo a realización de  accións non desexadas e prexudiciais para os usuarios.

Consellos
  • Manteña desactivada a conexión sen fíos do seu dispositivo mentres non vai a empregala. 
  • Desactive no seu dispositivo a conexión automática a redes sen fíos. 
  • Non se conecte a unha rede sen fíos sen contrasinal.   
  • Empregue  aplicacións ou acceda a páxinas web que cifren as comunicacións entres as partes. 
  • Non envíe contrasinais nin empregue redes sen fíos abertas para facer operacións que empreguen datos de valor como transaccións bancarias ou acceso a expedientes persoais.
  • Sempre que vaia acceder a datos que poidan ser sensibles empregue unha conexión VPN.

Ningún comentario:

Publicar un comentario