Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 23 de decembro de 2016

Seguridade e saúde laboral para traballadores/as maiores de 55 anos

Pica sobre a portada para descargar
Está a túa disposición a nova ferramenta “Asesoramento Técnico” que permite realizar consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral; o acceso ao formulario de contacto pode atoparse na  portada da web ou premendo aquí.

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral vén de publicar o seu boletín número 22, no que, entre outras cuestións, se recollen artigos sobre os riscos novos e emerxentes relacionados coa seguridade e saúde laboral das traballadoras e traballadores maiores de 55 anos; o centenario da OIT e o Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”, ademais dunha síntese da actividade do propio Gabinete ao longo do ano 2016.

A evolución demográfica dos vindeiros anos, debuxa na UE unha sociedade con altos índices de envellecemento da súa poboación, con previsíbeis e variadas consecuencias en termos de implicacións para o sistema sanitario e asistencial, para o sostemento do sistema público de pensións e para un mercado envellecido e escasamente racionalizado.

Tendo isto en conta, a CIG, a través do gabinete e co financiamento da Fundación Pública Estatal para a prevención de Riscos Laborais levou a cabo unha iniciativa denominada “Seguridade e saúde laboral para traballadores e traballadoras maiores de 55 anos: riscos novos e emerxentes”.

Desta iniciativa e dos seus resultados dá conta o boletín neste artigo.

Xunto a esta información, o Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 22  recolle abondosa información do Centenario da OIT que, con este motivo, vén de lanzar unha iniciativa de debate sobre o futuro do traballo, coa intención de abordar e analizar os rápidos cambios que neste ámbito se están a producir, prever as súas posíbeis repercusións e buscar solucións consensuadas coa intención de salvagardar o seu gran obxectivo fundacional: o fomento da xustiza social como elemento fundamental para a preservación da paz.

Ademais, este boletín, inclúe un artigo no que se analizan as conclusións do Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”.

A axencia europea Eurofound, especializada nas condicións de vida e de traballo, parte de que a calidade do traballo e o propio emprego, para ser sustentábeis, deben reunir unha serie de características vinculadas a catro dimensións necesarias e fundamentais: os ingresos salariais, as perspectivas da carreira profesional, a calidade intrínseca do propio emprego e a calidade do traballo.

Na síntese de actividade durante 2016, o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG dá conta das actividades formativas durante o ano, xa foran cursos básicos; cursos monográficos ou xornadas técnicas e da asistencia en cada unha delas, ademais de informar sobre as consultas atendidas por sectores e da asistencia técnica e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral prestada a delegados/as da CIG, comités de seguridade e saúde e traballadores/as en xeral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario