Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 21 de decembro de 2016

Centros de ensino: a ameaza da nova “escala Frankenstein” de persoal de servizos xerais

No proxecto de Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017) o goberno galego inclúe a creación dunha nova escala do corpo auxiliar (subgrupo C2), misturando diversas funcións propias de corpos de funcionarios e de categorías de persoal laboral xa existentes. É a "Escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX)"

É no artigo 9 deste proxecto de Lei onde crean esta "escala Frankenstein", feita con retais de funcións doutros corpos para ter “chicos para todo”, o cal contravén o disposto no artigo 40.2 da Lei do emprego público de Galiza: “Non poden crearse novos postos e escalas cando a súa titulación e funcións sexan iguais ás doutros que xa existan”.

A nova escala, tería as seguintes funcións:

  1. Administrativa e de apoio á xestión.
  2. Recepción, portería, atención e información aos usuarios.
  3. Apertura e peche dos centros ou unidades.
  4. Funcións de mantemento e apoio as funcións xerais.
  5. Limpeza, lavandería, mantemento e apoio ás funcións xerais.
  6. Apoio en cociña e comedor segundo o centro e o tipo de servizo.
  7. Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.


Se a desculpa é que para acoller ao persoal do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e o Benestar, onde existe esta categoría de persoal laboral, e necesario ter unha categoría similar na Xunta, rexeitámolo, pois hai categorías dabondo no V Convenio Colectivo de Persoal Laboral da Xunta para encadrar este persoal e cinguilo exclusivamente aos centros do antigo Consorcio.

O que non ten pes nin cabeza e crear unha escala de funcionarios que, con carácter xeral, poida ser utilizada para dinamitar a estrutura de postos de traballo dos centros pois parece unha escala deseñada non só para as galescolas e centros do Consorcio senón que ven como unha luva para os centros de ensino.
Aínda que poidan facer promesas de que isto vai ser limitado, de aprobarse esta lei a Xunta vai poder facer verdadeiras desfeitas no persoal non docente de centros de ensino. A modo ilustrativo imaxinemos un Instituto con dous auxiliares, tres subalternos/as e tres limpadores/as. De ter esta nova escala poderían transformar os postos existenes nos novos PSX e en vez de 8 persoas, zafar con 5 ou 6 que se adiquen a todo, traballo de secretaria, como conserxe e limpeza aproveitando con rotacións os picos de traballo de cada área.

Isto seria especialmente grave para o persoal interino, pois poderían mudar a súa relación como funcionarios/as interinos dun corpo aos da nova escala. E no caso dos postos ocupados por persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo ían ver limitados a súa mobilidade ou incluso a promoción interna (lembremos que a Xunta leva anos excluíndo nas promocións internas dos corpos xerais aos funcionarios das escalas, como é este caso).

Rexeitamos totalmente esta proposta e así xa llo fixemos saber á Xunta nas xuntanzas e nas alegacións escritas á lei de acompañamento. Non descartamos emprender todo tipo de accións contra a creación da “escala Frankenstein”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario