Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 7 de abril de 2017

Sanidade oculta información das prazas que retira do concurso de escalas sanitarias

A Administración retira prazas do concurso de traslados do persoal funcionario das escalas sanitarias, e négase a trasladar á representación do persoal as causas que o motivan en cada caso.


Estamos ante un concurso de traslados do que tivemos o primeiro borrador no ano 2014, e do que van excluir a participación dunha parte do persoal funcionario, moi condicionado pola cantidade de anos dende o anterior proceso selectivo e afectado polo peche dos laboratorios de saúde pública de Coruña, Ourense e Pontevedra.

Dende ese primeiro borrador do 2014, aparentemente o concurso vai sair no 2017. A tal efecto, e como parte da negociación, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas achegounos a relación de prazas vacantes a ofertar, pero das que non ofertan limitáronse a dar unha xenérica información verbal.
Todas as organizacións sindicais reclamamos ter coñecemento de todas as vacantes e as razóns individualizadas dos motivos polos que queren retirar do concurso aquelas prazas que non queren ofertar. Finalmente recibimos a relación das vacantes non ofertadas, pero de explicar os motivos nada.

Será por proposta de amortización, será por estar afectadas polo traslados dos laboratorios, ou será porque queren dar un trato de favor a algunha persoa, tanto ten a causa, pero temos dereito a coñecer as causas polas que se retiran cada unha delas.

A Lei do Emprego Público é clara: Art. 149. Principios xerais da negociación colectiva do persoal funcionario. 1. A negociación colectiva [..] está suxeita aos principios de [..] obrigatoriedade, boa fe negocial, publicidade e transparencia, efectúase mediante o exercicio da capacidade representativa recoñecida ás organizacións sindicais [..]

A CIG xa contactou con Sanidade telefónicamente e por rexistro para esixir ter os datos completos para a correcta negociación. Agardamos que as persoas responsábeis de dirixir a política de persoal do Sergas teñan sentidiño e non poñan dificultades á legalidade do concurso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario