Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 5 de abril de 2017

O acordo de Madrid asinárono con datos falsos: a temporalidade real na Xunta dispárase ata o 24,50%

Para o Ministerio de Hacienda só hai un 4% de temporalidade no persoal do ámbito da Función Pública galega mentres que as estatísticas da Xunta mostran que hai un 24,50%.


Nos documentos anexos que nos presentaron na Mesa Xeral das Administracións Públicas en Madrid para que asinásemos o Acordo para a mellora do emprego público, consta para o Ministerio de Hacienda e Función Pública que a porcentaxe de interinidade na Administración da Xunta de Galiza (persoal funcionario e laboral das consellarías e Organismos Autónomos, excluído persoal docente e estatutario do SERGAS) é do 4%. Esto é, que sobre un total de 15.944 efectivos hai falsamente 633 persoas con vínculo interino ou temporal.

Se o obxectivo é reducir a temporalidade na Administración ata o 8%, a Administración galega segundo o texto e as táboas do acordo non tería nada que reducir.



Pero os datos de temporalidade son outros, e tendo como fonte a estatística da Xunta de Galiza do 1º semestre do 2016 os datos son os seguintes:


Sobre uns efectivos de 19.898 persoas hai un total de 4.875 interinos e temporais, o que supón unha taxa de temporalidade do 24,5% moi alonxada do 4% sobre a que negociaron e acordaron CCOO, UGT e CSIF.

E no caso do persoal laboral chegamos a un escandaloso 37,71%.

Pero ademais de isto, o que asinaron non significa que a Xunta vaia convocar esas 4.875 prazas en tres anos, ademais da promoción interna e da oferta libre ordinaria cumprindo coas taxas de reposición que Hacienda e estes sindicatos aprobaron (a CIG esixiu que non constara taxa de reposición algunha) senón que só se poderán convocar prazas que veñan estando ocupadas dende hai polo menos 3 anos por persoal cunha vinculación temporal (persoal funcionario interino e laboral temporal) e que presten os seus servizos en asistencia directa aos usuarios de servizos sociais, en xestión tributaria e recadación e en inspección e sanción de servizos e actividades. Ademais, tamén poderán convocar as prazas do persoal laboral indefinido non fixo por sentenza xudicial, sexan estas prazas do proceso de consolidación ou posteriores.

Polo tanto, non entra dentro deste acordo o convocar:

1. As prazas vacantes puras sen ocupación.

2. As prazas ocupadas temporalmente dende hai menos de tres anos.

3. As prazas ocupadas por persoal funcionario interino ou laboral temporal que non presten os seus servizos nos sectores arriba subliñados.

4. E por suposto non se poden recuperar os niveis de emprego anteriores aos recortes, ao limitarse a prazas estruturais dotadas orzamentariamente e suxeitas aos limites da taxa de reposición e da esixencia de que estes procesos non poden supoñer nin incremento de gasto nin de efectivos.

Para que nos fagamos unha idea, so no caso de persoal funcionario destruíronse 916 postos no período 2009-2016, que evidentemente este acordo non pretende recuperar


A pesares de que non todo o persoal interino e temporal está en prazas vacantes, e polo tanto non computarían as prazas para estes procesos, si hai que ter en conta ao persoal e non as prazas para analizar a temporalidade.

E como nota final, hai que facer constar que a Xunta na súa estatística non especifica se no caso do persoal laboral temporal esta incluído o persoal laboral indefinido non fixo, ademais de non computar nas estatísticas ao persoal laboral temporal con contratos inferiores a 6 meses, o que incrementaría o dato de temporalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario