Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 21 de abril de 2017

A campaña pola recuperación de dereitos marcará celebración do 1º de Maio

http://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2017/04/18/panfletoPrimeiroMaio2017.jpg

A CIG convoca 13 mobilizacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira


A CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A central conmemorará esta data coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do país baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”.

Dende a CIG lembran que nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita. “Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria, etc”, sinalan.

Isto fixo que hoxe a pobreza estea relacionada con traballo precario, cos contratos parciais, cos máis de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por desemprego e co 32% de traballadores/as que teñen un salario inferior ao SMI: 707 euros ao mes.

Tamén lembran que nestes anos máis de 130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración buscando traballo, polo que se en lugar de emigrar ficasen aquí o desemprego real superaría o 30%.

Ao mesmo tempo, sinalan que o do Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%. Mesmo en Portugal, neste mesmo período, os soldos subiron un 4,45%, mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%. “As reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%”.

Na CIG entenden que unha vez que conseguiron roubarnos gran parte dos nosos dereitos laborais crearon novas leis represivas de seguridade cidadá (Lei Mordaza) e do Código Penal para criminalizar a resposta e mobilización da clase traballadora “porque saben que sempre conquistamos os nosos dereitos coa loita”.

Consideran importante que na actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, “xa que estas leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora poden ser anuladas”. Diante disto, chaman ao conxunto da cidadanía a participar nas distintas mobilizacións convocadas pola central para esa xornada.

Lugares e horarios das distintas mobilizacións:

-Vigo: no cruce da Dobrada ás 12:00 horas.

-Cangas: na Praza do Concello ás 19:00 horas.

-Coruña: na Praza de Vigo ás 12:00 horas.

-Cee: na Praza do Concello ás 12:30 horas.

-Compostela: na Praza Roxa ás 12:30 horas.

-Ribeira: na Praza do Peixe ás 12:00 horas.

-Ferrol: na Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 12:00 horas.

-Lugo: na Ronda da Muralla (edificio sindical) ás 12:00 horas.

-Burela: en A. Pardiñas (local da CIG) ás 12:00 horas.

-Ourense: no Pavillón dos Remedios ás 12:30 horas.

-Pontevedra: na Praza da Ferrería ás 11:30 horas.

-Vilagarcía: na Casa do Mar ás 12:00 horas.

-A Estrada: na Praza do Mercado ás 12:00 horas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario