Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 26 de marzo de 2019

O caso Villarejo chega ao despacho do director xeral da Función Pública

“Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento” (director xeral da Función Pública na Comisión de Persoal do 25/03/19)

Resulta que CCOO e UGT están repartindo “confidencialmente” un papeliño cos asuntos que cociñan na comisión de seguimento do acordo de concertación. E como outras veces, resulta tamén que ese papeliño chegou á CIG. Pois resulta que o director xeral da Función Pública nega que esa información saíra voluntariamente do seu despacho, senón que deixa entrever que lla furtaron.

Volve a resultar, ademais, que nese documento aparecían as cousas que o director xeral de Función Pública ía traer o día 25 de marzo á Mesa Xeral, que curiosamente ía expoñer como unha cesión e o resultado dunha dura negociación con CCOO e UGT que así “conseguen arrancarlle á Administración” unhas condicións máis benignas para a funcionarización.

Tamén resulta, que xa sabiamos máis cousas desas que o director anuncia na Mesa Xeral, como cando se vai publicar a orde de carreira profesional, cantos funcionarios cumpren cos requisitos (8.000) e cantos laborais (3.000), etc. Ou sexa, que tiñan todo cociñado previamente e viñeron a montar un espectáculo valleinclanesco dun duro tira e afrouxa onde o resultado, Oh! por Don Manoel!!, xa o tiña a CIG enriba da mesa dende facía 3 días.

Como é natural, o noso compañeiro na Mesa pedíu explicacións desta pantomima (case podemos dicir que pediu tamén que lle devolveran o importe das entradas da Mesa Xeral). A resposta do director xeral a por que nos chegou un documento co guión desta película esperpéntica onde se proba que todo o que traen á Mesa está negociado previamente vai en consonancia coa función teatral: “Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento”.

Non sei que nos parece máis grave, se a neglixencia, o furto de documentación negocial nos despachos de San Caetano, ou o escurantismo co que se tratan materias que deben ser negociadas nas mesas xerais para que todo o persoal público teña coñecemento, canto menos, xa o que de negociar sabemos onde queda.
Por suposto, para variar, o director non asume ningún tipo de responsabilidades e nós esixímosllas, ou canto menos, que non nos tome por parvas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario