A Secretaría das Mulleres considera insultante que esta sexa a medida estrela do PP para atallar o gravísimo problema de perda e avellentamento da poboación
O mércores, 30 de decembro, publícouse no DOG a Orde que regula a concesión da axuda económica para as familias con crianzas nadas durante o ano 2016, a través da tarxeta benvida. Como a CIG xa denunciou no seu día, esta axuda forma parte do paquete de medidas electoralistas recollidas nos orzamentos da Xunta para o ano 2016, coas que Núñez Feijoo pretende gañar as eleccións, intentando, cunha pequena capa de verniz, agochar o desastroso legado do seu goberno, e coller folgos que lles permitan seguir gobernando, sen lles importar a realidade económica e social imperante.
A axuda consiste nunha tarxeta, cunha contía mensual de 100 euros durante o primeiro ano de vida das crianzas, que só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG consideran insultante que esta sexa a medida estrela prevista para atallar un dos problemas máis graves que ten Galiza neste momento: a perda e o avellentamento da poboación.
O PP nega a existencia dunha emigración masiva (cando a propia patronal das axencias de colocación, Asempleo, acaba de publicar que en 2014 emigraron 80.141 persoas en Galiza das que preto do 75% estaban en idade de traballar, sendo a segunda comunidade -despois de Castela e León- con máis emigración), agocha a falla de emprego e a relación desta coa caída da natalidade, e pretende solucionar o problema demográfico con 100 euros ao mes durante un ano anos.
Porén, segue a ser notoria a necesidade de políticas de conciliación que permitan compatibilizar o emprego coas responsabilidades familiares, e ao tempo, se invista en políticas de creación de emprego, e de loita contra o emprego precario, que axudarían en gran medida a paliar o grave problema demográfico en Galiza, e non con medidas propagandísticas como a tarxeta benvida.
No seu momento, a CIG presentou na Comisión non permanente para o estudo da necesidade de racionalización dos horarios e da situación sociolaboral das mulleres de Galiza, unha batería de propostas dirixidas a reverter esta situación que podes consultar nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario