A Área Pública considera que se trata dunha proposta electoralista que a central non avala
Como xa tiña anunciado, a CIG non asinou o
acordo coa Xunta de Galiza de pagar a parte devindicada da paga
extraordinaria do ano 2013, porque non se trata de ningún dereito a
negociar, senón dun dereito recoñecido por múltiples sentenzas xudiciais
gañadas pola central sindical, que a Xunta ten a obriga de executar.
Para a CIG este acordo non supón máis que unha escusa para o goberno de
Feijoo poder realizar outro anuncio electoralista.
A derradeira proposta trasladada por Función Pública aos
sindicatos contempla o pago da parte devindicada (xaneiro e febreiro) do
complemento específico da paga extra de xuño de 2013 durante o ano
2016. Porén, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde)
reitera que non se trata dunha esmola que a Xunta lle regala ás
empregadas e empregados públicos en ano de eleccións, senón que se trata
dunha parte do salario indebidamente subtraído polo Goberno de Núñez
Feijoo ao conxunto do seu persoal.
A CIG non asinou o
acordo sindical pois, como xa anunciara, só está disposta a negociar
un texto que recolla o pagamento integro do complemento específico e
demais complementos dos anos 2013/14/15/16 (tal e como se lle ten
proposto á Xunta en innumerábeis ocasión a través dun Plan de
renegociación da débeda salarial), a recuperación de dereitos
retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.
Pos
iso, volveu reclamar á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de
Orzamentos do ano 2013 e pague integramente; e de forma inmediata, o que
os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir: a parte da paga
extraordinaria devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013.
Ademais demanda que fagan efectivas as sentenzas gañadas polo persoal e
que non está efectivizando a Xunta de Galiza.
Sobre isto,
denuncian o carácter electoralista deste acordo, que nin sequera pasou
polos órganos de negociación, senón que se presentou en Comisión de
Persoal, algo que ao entender da voceira da CIG-Área Pública, Maricarme
López Santamariña, demostra “as presas do goberno de Feijoo por darlle
publicidade nos medios”.
As Federación de Ensino, Saúde e
Administración Pública consideran unha falta de respecto cara as
empregadas e empregados públicos que a Xunta continúe adiando as súas
obrigas e teña a ousadía de incluír no texto do acordo un punto que
especificamente contempla que a Xunta se “compromete a recuperar na Lei
de Orzamentos para 2017 as dúas pagas adicionais do complemento
específico ou retribucións equivalentes”.
Un compromiso que
López Santamariña lembra xa se anunciara o pasado ano durante a
negociación dos orzamentos para 2016, que xa está recollido na propia
Lei de Emprego da Xunta e que se poña nun acordo algo que está recollido
en múltiples disposición parécenos cómico e ridículo”. Por outra parte
non recolle sequera recuperar definitivamente a totalidade da paga
extra.
A CIG tamén rexeita a actitude das organizacións sindicais
presentes na mesa xeral que si asinaron este acordo, pois supón avalar
as políticas de recorte da Xunta, entrar no xogo propagandístico do PP e
asumir os recortes tanto salariais como de dereitos laborais padecidos
polo persoal das administracións públicas galegas ao longo destes anos.
A
Área Pública da CIG considera que é inaceptábel que se traslade a un
acordo que “a sinatura do presente documento non implica para as
organizacións sindicais asinantes a renuncia ás demais reivindicacións
que poidan formularse ante a Xunta de Galiza”. “O que faltaba! Acaso
cabería preguntarse se se ten que pedir permiso á Xunta para reclamar os
nosos dereitos ao recollelo nun acordo”.
A este respecto, cómpre
lembrar que se a Xunta de Feijoo se ve agora forzada a reintegrar un
terzo da paga extra de 2013 non é porque exista vontade política, senón
porque se ve obrigada despois de moitas sentenzas gañadas pola CIG que
viñan mesmo impoñendo o pago de costas á administración.
A Área
Pública de CIG segue pois reclamando as pagas extras completas dos anos
2013/14/15/16; a recuperación de dereitos retributivos, laborais e
sociais e recuperación de acordos sectoriais.
Máis información:
Ningún comentario:
Publicar un comentario