Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 17 de xuño de 2016

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas, en toda Galiza, pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas

Terán lugar os días 18, 19 e 20 coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, partidos políticos e sindicatos, entre os que está a CIG, convoca novas mobilizacións en toda Galiza arredor do 20 de xuño, día mundial das persoas refuxiadas, baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras'.

Con este motivo a CIG chama a saír ás rúas da Coruña, A Guarda, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo –cidades e vilas nas que se celebrarán as mobilizacións- para exixir rutas legais sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respectos dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.

As mobilizacións convocadas son as seguintes:

A CORUÑA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende o Orzán.

A GUARDA. 18 de xuño ás, 20 horas, dende a Alameda.

COMPOSTELA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Alameda.

FERROL. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Praza España.

LUGO. 20 de xuño, ás 20 horas, diante do Edificio da Xunta

OURENSE. 20 de xuño, ás 20:30 horas, dende a Subdelegación do goberno

PONTEVEDRA. 19 de xuño, ás 12 horas, na Praza da Peregrina.

VIGO. 19 de xuño, ás 11:30 horas, na Doblada

A Rede demanda, entre outras cuestións:

    Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.

    Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e  Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.

    Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.

    Que a Xunta de Galiza poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.

   Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario