Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 1 de febreiro de 2017

Presentada unha PNL no Parlamento polo aumento do tempo de traballo do persoal fixo descontinuo do SPDCIF

Delegadas/os da CIG de Medio Rural piden mellorar as condicións laborais no servizo de extinción de lumes


Delegados e delegadas da CIG de Medio Rural rexistraron este luns, día 30 de xaneiro, unha Proposición non de Lei (PNL), dirixida aos catro grupos parlamentares en demanda dunha mellora das condicións laborais para os traballadores e traballadoras fixos descontinuos de tres meses do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Con esta proposta requiren das forzas políticas con representación parlamentaria que se inste á Xunta de Galiza, á mellora da duración contractual do persoal laboral fixo descontinuo de tres meses, que unicamente é contratado para o reforzo do verán (meses de xullo, agosto e setembro), ampliando o tempo de traballo até acadar os nove meses, equiparándoos deste xeito ao resto de persoal fixo descontinuo existente no propio SPDCIF.

Entenden que “un servizo público tan asentado xeograficamente como é o SPDCIF, e recoñecido coma un dos máis efectivos no territorio estatal precisa que o seu persoal propio manteña unhas condicións dignas de traballo, tanto sociais, económicas coma laborais, para o que é perfectamente asumíbel pola propia Administración Autonómica un incremento orzamentario baseado na extensión do tempo de traballo do persoal de tres meses, conseguindo desta maneira un alto rendemento nas súas prestacións dentro do servizo”.

Consideran ademais necesario fortalecer as condicións laborais do persoal do SPDCIF en base ás novas competencias que lles outorga a actual lei 17/2015, do 9 de xullo do Sistema Nacional de Protección Civil, normativa pola que o propio SPDCIF da Xunta de Galicia incorpórase de pleno ao servizo de emerxencias, deixando así de ter sentido unha temporalidade específica como é a contratación do persoal de tres meses, coincidentes co alto risco de incendios forestais.

“As emerxencias de lumes se poden producir en calquera momento do ano, e para cubrir todos os días precisaríase máis persoal”, explican e engaden que “nos atopamos en numerosas ocasións co propio SPDCIF, que tan boa imaxe ten fóra das nosas fronteiras, con quendas descubertas. Non podemos obviar tamén, a aparición dun novo tipo de incendio forestal, coma é o lume de interface, para o que é necesario potenciar o propio SPDCIF, dado as maiores esixencias as que se expón o propio servizo”.

Xunto a isto entenden que é imprescindíbel e determinante “rachar dunha vez por todas coa precariedade laboral insostíbel que está a sufrir o persoal laboral fixo descontinuo de tres meses do SPDCIF” e rexeitan a política da Xunta de Galiza de “fomentar o emprego precario que leva consolidada dende o ano 2012 na Consellería do Medio Rural, mediante a contratación de persoal por un tempo máximo de tres meses, máis aínda, cando dispón de fondos públicos para a contratación de empresas privadas para traballos de prevención e extinción de incendios forestais”.

Ademais da proposta de PNL presentada no propio Parlamento, solicitaron unha xuntanza cos grupos parlamentares, co obxectivo de expor esta situación para acadar unha resolución favorábel, no órgano parlamentario correspondente, aos intereses dos traballadores e traballadoras do SPDCIF da Xunta de Galicia, baseada no incremento da prestación laboral do persoal de tres meses. “Aumento tan preciso para as súas economías coma para o propio SPDCIF”, conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario