Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 23 de febreiro de 2017

Perdón por molestarlle a sesta, Sr. Director Xeral da Función Pública

Na última reunión co director xeral da Función Pública, e ante as queixas do persoal, preguntouselle polos procesos selectivos pendentes e polos concursos de traslados. A resposta non puido ser máis desesperante, aínda que na liña habitual: "nas vindeiras datas iranse resolvendo os procesos selectivos pendentes de resolución e convocarán os pendentes de convocatoria"

Só lle faltou comentar "nas mellores salas, proximamente". Está claro que a nosa Administración non é das mellores salas para estrenar nada do que se refira a xestionar os dereitos de mobilidade, acceso ao emprego público e promoción profesional do seu persoal. Todo é escurrir o vulto, e así vai pasando o tempo, sen unha mínima planificación, sen un maldito cronograma. Se sacan algo ben, e se non pois "potestade organizativa da Administración". É terribel que esto suceda nunha Administración que se diga "moderna". Perdón, por molestarlle a sesta, casi lle temos que dicer ao director. E así ata para os asuntos xudicializados, coma no caso de delineantes, que "van agardar que cheguen máis sentenzas para ver que fan".

Para mostra, os procesos selectivos que recentemente acaban de publicar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (DOG 22 de febreiro): A1 Químicas (2 prazas; OPE 2014), A1 Químicas-consolidación (1 praza; OPE 2015) e A1-Bioloxía (11 prazas; OPE 2014). Son prazas convocadas en maio do 2016 e aínda sacan a listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas   case 9 meses despois!! A saber entón, cando tomarán posesión as persoas que aproben!?

En canto aos concursos de traslados, só se referiu ao de persoal laboral (grupos IV e V), que o circunscriben ao da proposta de supresión/refundición/ordenación de categorías do convenio colectivo.  E que como aínda están preparando a resposta ás alegacións sindicais, pois que tempo ao tempo, e de aí non o sacades. E iso que, coa "magnífica" OPE do ano pasado se comprometían a convocar o concurso de persoal laboral (grupos IV e V) tamén o ano pasado. Para mexar e non botar gota. Do resto de concursos, que en persoal funcionario o primeiro co que se van poñer será co de escalas de finanzas; do resto ou do desenvolvemento dos cacarexados concursos permanentes, non fixo mención.

Do que si fixo mención foi da OPE 2017, que diso si que se pode sacar boa tallada política, e que van ter unha reunión en Madrid esta semana e despois "abrirán a negociación". Iso si ao final vai para diante a chantaxe política do apoio aos Orzamentos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario