Pérdese emprego, ocupación, activos/as, baixan os salarios e a mocidade emigra diante da falta de emprego e da sobreexplotación. Descargar informe
O Informe de Mercado de Traballo de 2016 vén reflectir, segundo o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, algo que desde a CIG se vén denunciando desde hai anos: que as condicións da clase traballadora se están precarizando. “Vemos como se consolida o concepto de traballador pobre, porque cada vez hai máis persoas que, aínda traballando, teñen uns salarios non lles dan para vivir nunhas condicións dignas e saír da pobreza; como se están incrementando as desigualdades e a brecha salarial entre os asalariados e como a rotación cada vez é maior nos contratos que se están a facer”.
Esta situación, ao entender de Malvido demostra que as reformas laborais só serviron para precarizar e deteriorar as relacións laborais. “As condicións nas que agora entran as e os asalariados son peores que hai anos. Consolidan esa precarización”.
Por iso concluíu que “era mentira que as reformas laborais se aprobaran para combater o desemprego. O seu obxectivo era consolidar un mundo do traballo precarizado no que o conxunto dos traballadores/as perdéramos dereitos”.
Diante desta situación Malvido, quen advertiu que este era, precisamente, o obxectivo que tiñan as reformas, chamou a mobilizarse e subliñou a importancia da campaña que ten a CIG en marcha pola recuperación de dereitos laborais e sociais, aproveitando a perda da maioría absoluta do Partido Popular. “O empresariado aproveita esta precarización e perda de dereitos para sobreexplotar aos seus traballadores/as e esta situación vaise xeneralizar no conxunto dos sectores. Ou saímos á rúa ou cada vez será máis difícil o retorno a unhas condicións laborais dignas”.
Para demostrar este deterioro das condicións laborais, a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, explicou que para realizar este informe non se tivo en conta só a situación no ano 2016 senón no seu conxunto desde o comezo da crise.
Para demostrar este deterioro das condicións laborais, a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, explicou que para realizar este informe non se tivo en conta só a situación no ano 2016 senón no seu conxunto desde o comezo da crise.
153.100 activos/as menos entre as/os menores de 34 anos desde 2009
Así sinalou que a perda de poboación activa foi unha constante nos últimos anos e que se en 2016 a houbo unha redución en 4.600 persoas, desde o inicio da crise a caída afectou a 58.700 persoas. “Á perda de activos polo proceso demográfico natural sumouse nos últimos anos a emigración de miles de mozos e mozas, o que agravou a xa feble estrutura demográfica galega”, asegurou.
Tal é así que a poboación de 16 a 24 anos pasou de representar o 8,5% da poboación activa no ano 2009 ao 4,7% no 2016. Algo semellante pasou co seguinte grupo de idade, os de entre 25 a 34 anos, que pasaron de representar o 27,3% ao 19,5% en 2016. En conxunto as persoas menores de 34 anos perderon 11,3 puntos e en termos absolutos son 153.100 activos e activas menos destas idades (18.200 no último ano). estrutura demográfica galega”, asegurou.
Todo o emprego perdido desde 2009 foi entre a mocidade
López Gromaz explicou que, logo dun quinquenio de perda de emprego, nos dous últimos anos produciuse unha recuperación, pero que, aínda así, “estímase que o número de empregos perdidos desde o inicio da crise acada as 160.000 persoas”.
Ademais, todo o emprego que se perdeu durante este período foi entre a mocidade. Desde o terceiro trimestre do ano 2009 ata 2016 descendeu a ocupación en Galiza en 115.600 persoas, mais entre a xente moza, de menos de 34 anos, a caída do emprego afectou a 146.200 persoas. A partir desta idade medrou o número ocupados/as.
Neste último ano, que se saldou cun medre do emprego importante, en troca, entre as persoas con idades comprendidas entre os 25 e os 34 anos continuou descendendo; concretamente, 4.900 persoas destas idades perderon o posto de traballo. O peso das persoas menores de 35 anos na ocupación caeu 10 puntos neste período. No ano 2009 o 33% dos ocupados e ocupadas galegas tiñan menos de 35 anos; hoxe esa porcentaxe anda polo 23%.
O 70% de asalariados/as que perderon o emprego tiñan contrato indefinido
As persoas máis afectadas pola destrución de emprego durante este período de crise foron as asalariadas tanto do sector público como do privado, así como os empresarios/as con asalariados/as a cargo; estes últimos incluso seguiron descendendo neste último ano.
Durante 2016, a recuperación de emprego deuse sobre todo entre asalariados e asalariadas, e entre persoas con traballos independentes ou empresarios/as sen persoas asalariadas, o coñecido como emprego autónomo. En termos porcentuais, foi este colectivo o que máis medrou. De feito, é polo emprego autónomo polo que se está apostando tanto desde a administración central como desde a autonómica. A través da chamada “tarifa plana” desde o goberno central e con cuantiosas axudas desde a autonómica. De feito, é dentro dos programas de emprego o destinado a emprego autónomo o que máis aumenta a súa contía nestes últimos orzamentos acabados de aprobar.
O 70% dos asalariados e asalariadas que perderon o posto de traballo durante este período de crise tiñan un contrato indefinido. Agora que se está recuperando emprego asalariado, este é sobre todo emprego temporal, situándose novamente a taxa de temporalidade por riba do 26%.
Soben as xornadas a tempo parcial en tres puntos
No ano 2009, as persoas traballadoras con xornada parcial representaban o 10,7% do total; de media, no ano 2016 acadan o 13,6%, 3 puntos máis. Todo o emprego que se destruíu durante este período afectou a persoas que dispuñan dun traballo a xornada completa. Pola contra, de media no período, medraron as persoas ocupadas a xornada parcial.
As diferenzas entre homes e mulleres con respecto ao tipo de xornada mantéñense semellantes ás do ano 2009; en torno ao 76% dos traballos a xornada parcial son realizados por mulleres. Así, de media neste período o uso da xornada parcial pasou do 19% ao 22% entre as mulleres ocupadas, mentres que, entre os homes, pasou dun 4,6% no ano 2009 a un 6,1% no ano 2016.
Aumentan as persoas con contratos a xornada parcial, aumentan as persoas asalariadas con contrato temporal e redúcese ao tempo medio de duración dos contratos.
Cun maior número de contratos rexistrados no ano 2016 que no ano 2008 (150.000 máis), os contratos a tempo completo son inferiores aos do inicio da crise, mentres que os a tempo parcial medraron considerabelmente. No ano 2008 o 24% do total de inscritos fora con xornadas parciais; no ano 2016 foron o 37% os que se rexistraron a tempo parcial, 13 puntos máis.
En termos absolutos pasouse de 597.139 contratos a xornada completa no ano 2008 a 587.912 no ano 2016. Pola contra, os contratos a tempo parcial foron 192.497 os rexistrados en 2008 e en 2016 acadaron os 350.658. Claramente se reflicte un cambio na forma de contratar durante este período.
O 35% dos contratos duraron menos dunha semana
Pero non só existe un abundante número de persoas con contratos a tempo parcial, senón que son de moi escasa duración. De feito, o 35% dos contratos duraron menos dunha semana en 2016. No polo oposto estarían os contratos de máis dun ano que foron o 0,3%, apenas 2.079 contratos. Fronte a isto, no ano 2009 os contratos que duraban menos dunha semana eran o 12,9% do total.
Ademais, dos novos contratos (faltarían os convertidos a indefinidos) apenas o 4,8% se rexistraron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida; o 95,2% restantes foron de carácter temporal. De media, sae en torno aos 4 contratos por persoa asalariada temporal.
Onde máis medran as persoas asalariadas é nas que ingresan menos da metade do SMI
Esta precarización da contratación leva a un descenso dos ingresos da clase traballadora. De feito, segundo os datos da Axencia Tributaria, no único grupo onde medran as persoas asalariadas é nos que ingresan menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional. Aumentan as persoas con traballo pero que continúan sendo pobres.
Porén, resulta rechamante que o grupo de maiores ingresos non só foi o que máis incrementou o ingreso medio, senón que, despois de Madrid, Galiza é a segunda Comunidade onde este colectivo ten o salario medio máis elevado.
Porén, un ano máis, é o colectivo de traballadores/as con ingresos brutos inferiores á metade do SMI -neste último ano inferiores a 1.806 euros anuais- o único colectivo no que se reduce o salario medio, concretamente un 4% no último ano. Pasouse de 1.883 a 1.806 euros anuais, e ao mesmo tempo, é o colectivo que máis medra en número.
Este é a tendencia dos últimos anos que vén alargando fortemente as desigualdades entre a clase traballadora. No ano 2009 pertencían ao colectivo de menos da metade do SMI o 14,5% dos asalariados e asalariadas de Galiza. No ano 2015 o 18,5% están encadrados dentro deste intervalo, 4 puntos máis. Hai 25.000 persoas máis nesta situación.
O salario medio dun traballador/a do intervalo de maiores ingresos equivale a 84 de menores ingresos
Se os ingresos que máis descenden son os do intervalos de menores ingresos, e os que máis medran son os de intervalo de maiores ingresos, o ensanchamento das diferenzas dispárase. Así, no ano 2009 o salario medio dunha persoa do intervalo de maiores ingresos equivalía a 66 traballadores/as de menores ingresos; no ano 2015 a relación é 1 a 84. Pouco máis se pode dicir.
Se collemos a xente con ingresos que acaden ata o SMI, estamos no 30,7% do total; ou o que é o mesmo, o 30,7% das persoas con salarios en Galiza non acadaron o SMI bruto anual. Estamos falando de 310.093 asalariados/as, dos cales 184.164 non acadaron os 1.806 euros ao ano.
O 30,7% das persoas con salarios en Galiza non acadaron o SMI bruto anual. Estamos falando de 310.093 asalariados/as, dos cales 184.164 non acadaron os 1.806 euros ao ano.
Os ingresos das/os menores de 25 anos descenderon un 27% respecto de 2016
Durante este último período analizado, estas diferenzas non fixeron máis que medrar, xa que se ben todas as persoas con salarios perciben menos ingresos que no ano 2009, as caídas máis abruptas déronse entre a mocidade. Quen máis perdeu foi a poboación con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos, xa que os seus ingresos anuais foron un 27% inferiores aos do ano 2009; séguenlles as persoas menores de 18 anos, cunha perda salarial bruta anual do 19%.
Ata superar os 36 anos, de media, non se acada o salario medio galego, que no ano 2015 foi de 17.839 euros brutos ao ano. A poboación menor de 18 anos apenas ingresa o 19,8% deste salario medio. O 33,8% alcánzano os de idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos.
O grave é que non é un problema de idade e que, polo tanto, se curaría co paso do tempo; o problema é do momento en que se entra no mercado de traballo. A xente que comezou a traballar ou que cambiou de traballo nos últimos anos viuse abocada a un traballo destas características (de escasa duración e mal pagado), independentemente da idade que tivese. Como a mocidade, pola evolución natural, se incorporou neste período, resulta o colectivo máis prexudicado.
Unha traballadora ingresa de media o 77,8% dun traballador
No ano 2015, de media, unha muller ingresou o 77,8% do que ingresou un home; no ano 2009 foi o 76,9%. Logo deste período acurtáronse levemente as diferenzas, mais este acercamento non se debeu a un maior incremento dos salarios das mulleres, senón a un maior descenso dos salarios dos homes comparativamente coas mulleres.
Malia a pequena redución que se deu en 2016 aínda hai en Galiza 215.400 persoas desempregadas. Unha elevada porcentaxe, o 43%, leva máis de dous anos nesta situación, co cal queda fóra das prestacións pro desemprego. Deste xeito a taxa de cobertura continúa descendendo. No ano 2014 foi a última vez que superou o 50% e agora apenas supera o 47%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario