O informe sobre a situación laboral das mulleres en 2016 deixa un desolador panorama para o futuro. Descargar informe
A secretaría das Mulleres da CIG presentou este venres o Informe sobre a situación laboral das Mulleres en 2016 baixo o título “Igualdade, para que?”, no que se constata que as mulleres que foron quen de saír do desemprego “fixérono en condicións precarias, en ocupacións flexíbeis e informais, con contratos a tempo parcial ou temporais, subcontratas ou mesmo empregos que carecen de protección social”.
Así o denunciou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen chamou a atención sobre o feito de que unha das “nefastas” consecuencias das reformas laborais e do resto de políticas postas en marcha para saír da crise foi que tamén o colectivo masculino está agora a sufrir a precariedade que antes caracterizaba o emprego feminino. Un feito que “se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un trunfo das poucas políticas de igualdade existentes”.
Diante desta situación, Corral denunciou que “esta non é a igualdade que queriamos as mulleres. Nós non queriamos igualarnos en precariedade. Cando exixiamos os mesmos salarios que os homes non pretendiamos obter unha rebaixa nos seus, senón os mesmos dereitos que eles a priori conseguiran”.
Xunto a isto denunciou como agravante da precariedade laboral o recorte en servizos sociais, sanidade e educación, a redución dos fondos públicos destinados ás políticas de igualdade e prevención a atención ás vítimas e violencia machista e a posta en marcha de políticas “ultraconservadoras” que ao seu entender “pretenderon devolver o rol de coidadoras e reprodutoras ás mulleres, a costa de recortar as súas xornadas laborais, o cal afectou ás súas vidas laborais e afectará tamén ás súas vidas futuras”.
Paro internacional das mulleres
A secretaria das Mulleres da CIG subliñou que “as cifras son tan demoledoras que arrepían” e chamou, ante isto, a dar unha contundente resposta mobilizadora. “Debemos recuperar a combatividade”, afirmou. Por iso aplaudiu a iniciativa internacional impulsada polas organizacións feministas e anunciou que se aproveitará o Encontro de Mulleres da CIG do vindeiro ano para impulsar unha folga de mulleres en Galiza. Unha folga para a que apostou por traballar conxuntamente co movemento feminista para que participe de forma activa na convocatoria.
En todo caso manifestou, mentres esta iniciativa non se consolida, a solidariedade da central sindical coas compañeiras de diversos países do mundo que secundarán o paro convocado para este ano. “Simbolicamente pararemos con elas”, dixo.
Mobilizacións do 8 de marzo
E anunciou que ese paro simbólico farase instando a todas as mulleres da CIG a parar ás 11:00 horas e a participar na concentración convocada para o día 8 de marzo, diante da Secretaría xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, na que personalizou as demandas de todas as mulleres por representar “a meirande parte das discriminacións que sufrimos as mulleres no mundo do traballo”, tras padecer durante 8 anos “acoso e terrorismo patronal”.
Ademais fixo un chamamento a participar na mobilización nacional convocada polo feminismo galego o domingo 5 de marzo, ás 12:00 horas tamén en Compostela e nas mobilizacións comarcais convocadas para o propio 8 de marzo en diversas vilas e cidades de Galiza.
Igualdade por abaixo
Pola súa banda Natividade López Gromaz, responsábel do gabinete de Economía da CIG, foi a encargada de presentar os principais datos resultados do estudo da situación laboral das mulleres en 2016.
Gromaz lembrou que durante os primeiros anos da crise, os sectores máis prexudicados foron construción e industria, sectores moi masculinizados e subliñou que “na medida en que estes sectores ían perdendo emprego, íanse reducindo as diferenzas coas mulleres, sobre todo en ocupación e paro”. Resultado disto foi que en 2012 “as taxas de paro masculinas e femininas se igualaron, no 20% mais igualáronse, e mesmo no ano 2013 a masculina superou a feminina”. Porén, afirmou, “a partir de aquí, e ao volver a incrementarse a ocupación coa recuperación económica, comezaron de novo a medrar as diferenzas”.
No que atinxe á taxa de actividade, no ano 2008 había unha diferenza de 16 puntos a favor dos homes, que se viu reducida a 9,7 no ano 2016. Algo semellante aconteceu na taxa de ocupación, onde a diferenza se reduciu dos 15,9 puntos do ano 2008 aos 7,3 do ano 2016. “Pero todo o acercamento se debeu á perda de actividade e ocupación entre os homes, xa que as mulleres se manteñen practicamente nas mesmas taxas que ao inicio da crise”.
As diferenzas salariais tamén se viron afectadas aínda que en menor medida. A fenda salarial, que no ano 2009 era do 23,1%, reduciuse a un 22,2% no ano 2015. “Mais novamente foi a maior perda de ingresos salariais entre os homes o que explica este acercamento, xa que as mulleres tamén viron como diminuíron os seus ingresos salariais, aínda que en menor medida que no caso dos homes”, matizou
Pensións de miseria
Para Gromaz os anos de discriminación e desigualdade plásmanse claramente na pensión percibida ao rematar a vida laboral. De media, no ano 2015, as mulleres percibiron 346,03 euros menos que os homes. Mentres a pensión media dun home foi de 939,57€ mensuais, a das mulleres é de apenas 593,54€, o que significa o 63,2% dun home. Ou sexa, a fenda das pensións, entre homes e mulleres, é de 37 puntos, máis dun terzo de ingresos en favor dos homes.
Esta diferenza, segundo a economista da CIG, débese tanto ás menores bases de cotización, como ao feito de as mulleres teren menos anos cotizados, o que dá como resultado “pensións de miseria” que supoñen uns ingresos mensuais que non acadan os 600€.
Xunto a isto alertou que “as pensionistas do futuro estanse labrando hoxe no mercado de traballo, máis precario que en décadas anteriores”. De feito, de media, as mulleres cotizaron o 79,5% do cotizado polos homes en 2014, último dato publicado na mostra continua de vidas das familias.
Máis mulleres con menores ingresos
Segundo o informe, globalmente desde 2009 reduciuse o salario medio anual das mulleres en Galiza en 93 euros. “Mais este descenso débese ao forte incremento de mulleres con ingresos inferiores á metade do SMI, é dicir, con ingresos inferiores a 1.804 euros anuais, entre as cales mesmo descendeu o salario medio.
Ademais descendeu o número de asalariadas con ingresos superiores, pero medrou fortemente o seu salario medio. “Como consecuencia disto, cada vez está máis polarizado o mercado de traballo feminino. En 2009 os ingresos dunha muller de maiores salarios equivalía a 62 das de menores ingresos. En 2015 a proporción é de 1 a 80”.
Xunto a isto, medrou o número de mulleres paradas e tamén o tempo que permanecen nesta situación. De feito, no ano 2009, o 18,8% das mulleres levaban máis de dous anos paradas, pero a finais de 2016 a porcentaxe situouse no 42,8%.
Xornadas parciais
López Gromaz chamou tamén a atención sobre o medre das xornadas parciais. A este respecto sinalou que o 61% das mulleres con estas xornadas alegan como motivo non atopar un traballo a xornada completa. “Antes da crise, as xornadas parciais utilizábanse máis como sistema de conciliación, mais agora non nolo podemos permitir. Simplemente non temos fillos/as”.
Xunto a isto denunciou que o deterioro das condicións laborais das empregadas vai máis alá das xornadas parciais, ao combinárense estas con contratos temporais e de escasa duración. Neste sentido apuntou que en 2016 se asinaron 448.253 contratos a mulleres, dos cales apenas o 4,8% foron indefinidos. “Pero máis grave que a cativa porcentaxe de contratos indefinidos é a súa escasa duración, xa que o 32% duraron menos dunha semana”, afirmou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario