Dende a CIG queremos desexar moita sorte a todas e todos os que se van presentar esta semana ao primeiro exame da promoción interna. Estas son as datas:
- Subgrupo C1 > martes, 7 de maio de 2019, ás 16.30 horas, no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda.
- Subgrupo C2 > venres, 10 de maio de 2019, ás 16:30 horas, na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.
- Subgrupo A1 > sábado, 11 de maio de 2019, ás 10:00 horas, na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.
- Subgrupo A2 > sábado, 11 de maio de 2019, ás 16:00 horas, na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.
Son moitas e moitos os que estes días faltan ao seu traballo, moitas horas estudando para poder progresar e moi poucas prazas. Moito esforzo por culpa duns procesos inhumanos, nos que non se sabe cando van saír, cando van ser as probas, como vai ser o exame, que nos vai entrar... e xogando coas datas por parte de Función Pública sen ter en conta ao persoal que se deixa o seu tempo, a súa vida e os seus cartos en academias.
Temos que aproveitar para reivindicar de novo, unha vez máis, unha promoción interna digna, competente e suficiente para todo o persoal funcionario. Para todas e todos os que xa pasaron máis dunha vez por Silleda e saben o que é aprobar unha oposición, para todas e todos aos que nunca nos regalaron nada, por toda esta xente, por todas e todos nós, seguiremos reclamando unha Función Pública de servizo á cidadanía e seguiremos pelexando porque o sistema clientelar actual desapareza dunha vez por todas na Xunta de Galiza.
Este é un bo momento para lembrar aquela denuncia que fixo a CIG xa vai catro anos, Por que se endurece a promoción interna? As conexións entre Función Pública e AGRUPA. Agora que se presentan ás eleccións sindicais e reivindican con orgullo o seu corporativismo, agora empezamos a entender moitas cousas...
Pero seguindo coas reivindicacións que nos afectan a todo o persoal, non temos que inventar nada novo, só temos que mirar á Administración do Estado para ver un sistema de promoción moito mellor ca o noso, onde os temarios son máis racionalizados e axustados aos cambios de novos coñecementos de subgrupo/grupo. Queremos que a EGAP se convirta nunha verdadeira escola de formación que garanta o dereito á promoción profesional do persoal público, queremos comisións permanentes de selección, queremos que se amplíe o número de prazas, convocatorias anuais, queremos que as probas e temarios non cambien radicamente dunha convocatoria para outra e que se concreten (e respecten) as datas dos exames na propia convocatoria. É moito pedir? Na Administración Xeral do Estado non, para nós é o mínimo.
Moita sorte a todas e todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario