Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 23 de febreiro de 2016

A CIG rexeita a proposta de Oferta de Emprego Pública 2016 por insuficiente

Van xa varias xuntanzas entre sindicatos e función pública para discutirmos a proposta de Oferta de Emprego Público para o ano 2016. O último borrador entregado pola Administración obrigaría a que os sindicatos renunciasen por un ano á aplicación do artigo 9.4 do convenio colectivo, referente á acumulación das prazas que non se ocupen por promoción interna do persoal laboral.

O proceso de negociación está xa moi avanzado (pasou pola Mesa Xeral o día 11, e está previsto que pase pola Comisión de Persoal o mércores 24). A marxe de manobra é moi curta. En grandes liñas, a proposta:

  • Non contempla todas as vacantes existentes, tan só as vacantes xeradas no ano 2015, nunha porcentaxe do 100% para uns colectivos e do 50% para outros. Nalgúns colectivos non vai solucionar a alta temporalidade.
  • A promoción interna de persoal funcionario está limitada para os informáticos entre eles, e os corpos xerais entre eles, impedíndose a promoción entre diferentes corpos/escalas, como si ocorreu outros anos.
  • A promoción interna para persoal laboral é de pouco interese en canto ofrece básicamente postos dos grupos inferiores. En persoal funcionario falta subgrupo A2.
  • Quen aprobe a promoción interna terá que escoller destino (agás que ocupe actualmente un posto aberto ao grupo superior).
  • Non existe promoción interna en administración especial.
  • Toda a oferta de persoal subalterno está reservada para persoas con discapacidade intelectual, impedíndoselle por tanto, acceder a quen non teña esta condición.

O venres 19, e despois do procedente debate interno, a CIG enviou escrito á Dirección Xeral de Función Pública no que comunicamos que este sindicato rexeita a oferta recibida e manifestamos a nosa disposición a negociar unha oferta que contemple os seguintes criterios:
  • Oferta de todas as vacantes existentes, en todas as categorías do persoal laboral e en todos os corpos e escalas de persoal funcionario, tanto as xeradas durante o ano 2015 como todas as vacantes de anos anteriores.
  • Promoción interna:
    • Como mínimo o 50% da oferta total, en todas as categorías, corpos e escalas. Equilibrada por grupos.
    • Defendemos unha promoción interna cruzada, non só horizontal, entre todos os corpos e escalas.
    • Establecer un sistema que procure o mantemento da localidade.
  • Forma de acceso mediante concurso-oposición de xeito que tamén se recoñeza o principio constitucional de mérito.
  • Que a oferta para persoas con discapacidade intelectual non se concentre nunha única categoría/corpo/escala, e en todo caso exista tamén oferta libre nesas categorías/corpos/escalas para persoas sen discapacidade.
  • Negociación, convocatoria e resolución previa á elección de destino das persoas aprobadas nos procesos selectivos, de concurso de traslados en todas as categorías do persoal laboral, así como en todos os corpos e escalas pendentes de persoal funcionario. A este respecto, non aceptamos o adiamento dos concursos xustificado na negociación da clasificación de categorías do convenio colectivo, nin na revisión das RPTs como consecuencia da modificación da estrutura da Xunta, nin na nova clasificación dos corpos/escalas derivadas da Lei do Emprego Público.
Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario