Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 29 de febreiro de 2016

Conflitos de funcións asignadas ao persoal funcionario

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais diante das númerosas queixas recibidas con relación a diversos conflitos de funcións asignadas ao persoal funcionario, vén de dirixirse á directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa co obxecto de que aclare e determine as diferentes cláusulas de peche dos decretos de estrutura e impulse o establecemento dun catálogo de postos que remate coa elevada discrecionalidade e conflitos laborais asociados.


En diversos decretos de estrutura das Consellerías das Xunta de Galicia, no apartado que indica as funcións das distintas unidades administrativas, remata cunha frase do estilo das seguintes:

-Exercer cantas funcións relacionadas coas anteriores lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.
-Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
-En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Esta última función asignada ao departamento ou servizo en cuestión, está a provocar, en moitos casos dos servizos centrais, confusión respecto das funcións axeitadas que lle corresponde ao persoal funcionario que ocupa prazas nestas unidades administrativas, causando ademais un abuso, en determinadas ocasións, por parte dos e das superiores das unidades administrativas, que provoca que acabe derivando en conflitos laborais cando tales instrucións non se axustan exactamente ás funcións establecidas no decreto de estrutura para á unidade administrativa.

Por outra banda, as funcións do persoal funcionario só aparecen recollidas someramente,e de xeito xenérico, para cada corpo,  na actual Lei de Emprego Público de Galicia. Estas dúas cuestións xeneran conflitos nas atribucións e tarefas do persoal funcionario que compre abordar a través da definición de funcións nun catálogo de postos que, por outra banda, permita o desenvolvemento dos itinerarios profesionais.

Por todo iso, a xunta de persoal solicitoulle á directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa:

Que coa fin de manter as debidas garantías xurídicas que deben rexer a actividade do persoal funcionario da Xunta de Galicia, se emita un informe no que se aclare e concrete esta cuestión sobre este tipo de cláusulas, que é de peche común nas atribucións de funcións específicas dos servizos e que, en ocasións, é utilizada polas persoas que ostentan a función de autoridade para asignar funcións fóra do propio ámbito funcional específico descrito nos distintos decretos de estrutura orgánica.

Que coa fin anterior e a de permitir o desenvolvemento dos itinerarios profesionais, se proceda ao estudo da implantación dun catálogo de postos no que se estableza por escrito as funcións e formacións asociadas ás distintas denominacións dos postos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario