Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 9 de febreiro de 2016

A OPE 2016 polo miúdo, as prazas que faltan e o resto a cámara superlenta

Agora si, o 8 de febreiro, entregan a oferta pública de emprego de 2016 para Administración xeral con todo luxo de detalles e sen erros.  A información que facilian vén desglosada por escala e/ou categoría profesional e despéxanse a dúbida en promoción interna de corpos xerais, que na nota do Consello falaba de Corpo Administrativo (A2). Descargar borrador

ACTUALIZACIÓN (12/02/2016): descargar novo cadro anexo prazas OPE 2016 ; isto é un borrador e pode sufrir modificacións.

ACTUALIZACIÓN (18/02/2016): descargar novo cadro anexo prazas OPE 2016 (variacións en prazas de enx. de montes e enx. tec; persoal informático promoción interna separada; persoal laboral promoción interna separada); isto é un borrador e pode sufrir modificacións.

En calquera caso, "para ir ao máximo" das taxas de reposición que lles permitían desde Madrid, cremos que faltan prazas. Falaban da cobertura do 100% das vacantes en "servizos prioritarios" e o 50% no resto. Estanse deixando vacantes sen ofertar. Por outra banda, ata que convoquen e resolvan estas "necesidades" deberían cubrilas temporalmente as que non o estean.

Do resto de cuestións, case todo palla, que si para vindeiras semanas, que si nos dirán algo, todo sen concretar. O peor o dos concursos e as opos de corpos xerais que non hai nin palla. Iso sí, non escatiman en reunións, aínda que sexa para non dicir nada novo; hai ordes de arriba de aparentar diálogo e bo rollito. O único que se concreta, a parte da propia OPE 2016, é o que tamén vai este xoves á mesa xeral: criterios de excepcionalidade para cubrir servizos por LD, instrucións de permisos, vacacións e licenzas e a convocatoria das 6 prazas de ordenanza para persoas con discapacidade intelectual. (Fai clic para obter os últimos borradores).

Por primeira vez en moito tempo aparecen ofertadas prazas de persoal laboral (servizos sociais e incendios), que como dicimos non chegan a ofertar todas as vacantes. Despois destacan, polo número, as prazas de persoal funcionario de corpos xerais: na promoción interna desta volta non hai convocatoria para A2 e o único que supera as 10 prazas, a parte da promoción interna, veñen sendo as 20 prazas do C2 en libre. O resto anecdótico, tanto que non estrañaría deste ou outro goberno que acabese acumulando parte desta oferta coa de 2015 (e aínda non convocado).
Prazas ofertadas de corpos xerais de persoal funcionario en acceso libre e promoción interna (PI)


OPE 2015 OPE 2016

Libre PI Libre PI
A1 30 14 0 20
A2 9 20 6 0
C1 20 30 0 30
C2 44 38 20 50

Xa convocadas

Criterios de reposición

Na Lei de Ozamentos para este ano subiron o tope máximo da tasa de reposición de prazas vacantes ao 100% en "servizos esenciais" e ao 50% no resto (artigo 13). Hai que deixar claro que estas cifras son un tope máximo e polo tanto a Xunta pode deixar a oferta pública de prazas vacantes en cifras máis baixas. Porén, o director xeral da Función Pública asegurou en varioas ocasións a finais do ano pasado que irían "ao máximo" do que lles permite a lei e polo que vemos non foi así. En calquera caso, deberían empezar por facilitarnos acceso as bases de datos de postos vacantes/non vacantes para facer un seguimento exacto de tanta promesa que ao final se queda en fume, pero xa sabedes como é a transparencia nesta Administración.

Segundo a lei poderían a chegar ao 100% no seguinte:

a)Prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes da Lei orgánica 2/2006,  do 3 de maio, de educación.
b)Prazas de hospitais e centros de saúde do Sistema nacional de saúde.
c)Prazas para o control e a loita contra a fraude fiscal, laboral, de subvencións públicas e en materia de Seguridade Social, e do control da asignación eficiente dos recursos públicos.
d)Prazas de asesoramento xurídico e para a xestión dos recursos públicos.
e)Prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de  incendios.
f)Prazas de persoal investigador doutor contratado de organismos de investigación,  nos termos establecidos na normativa básica
g)Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de  universidade e de persoal de administración e servizos das universidades, nos  termos establecidos na normativa básica.
h) Prazas de asistencia directa aos usuarios dos servizos sociais.
i) Prazas de xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego.

Por outra banda, e a pesar da "recuperación", manteñen as restriccións á cobertura temporal de postos, excepto para os seguintes servizos (artigo 14):

a)Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.
b)Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.
c)Persoal de centros e residencias de servizos sociais.
d)Persoal adscrito ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais.
e)Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.2016
f)Persoal adscrito ao sistema integrado de Emerxencias e Protección Civil.

Ollo que non quere dicir que non poidan chamar das listas para postos que non sexan os relacionados co anterior, só que serán excepcionais e precisan autorización da Dirección Xeral de Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos. Isto segue como no 2015 e resulta incongruente co aumento do tope máximo das porcentaxes de cobertura definitiva de postos vacantes.

Para o xoves, 11 de febreiro, este borrador vai a Mesa Xeral e para a seguinte semana podería ser aprobado no Consello da Xunta, co que agardamos unha publicación neste mesmo mes. O que hai que deixar claro é que unha cousa é unha OEP e outra moi diferente as convocatorias das prazas; as OEP podense modificar como xa ten pasado ou mesmo deixarse sen convocatoria sine die. Estamos en  ano electoral e nos vindeiros meses veremos moito máis fume.

O caso de incendios 

No borrador recollen 124 prazas para o Servizo de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF),  en base ao acordado no Consello da Xunta celebrado en data 4 de febreiro. Nun Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) con cáseque  1.900 traballadores e traballadoras, con preto de 800 prazas cubertas por persoal  interino, o que equivale a algo máis dun 42% do servizo, non é de recibo que logo de  máis de 10 anos sen OPE (o derradeiro é do 2003), teñan a ven presentar unha  proposta para o SPDCIF de soamente 94 prazas para o persoal laboral, na que se  esquecen das categorías profesionais coma a de Xefe de Cuadrilla e Operador/Codificador de Datos.

Por certo, que inclúen como prazas do Servizo contra Incendios, prazas de persoal funcionario en escalas como as de enx. agrónomos/as ou enxeñeiros/as técnicos, non tendo  competencias en materia contra o lume dentro da súa especialidade.  A temporalidade do persoal coa que conta o citado Servizo contra Incendios é moi  elevada, para o cál debería convocar o total de prazas interinas e prazas vacantes puras para este servizo, tal e como permite a lei de orzamentos consonte ao taxa de reposición do 100%. Este é un "servizo esencial" consonte a propia lei recoñece.

Novas relacionadas:

1 comentario:

  1. Na Función Pública Galega todo vai a cámara superlenta, a nocion espacio tempo do seus xestores e diferente a de calquer mortal, poden decirche que calquer cousa (ven sexan concurso, promocións, oposicións, tomas de posesión...) no primeiro semestre, ou no segundo semestre do ano, pero o que nunca che din e de que ano, pode ser no 2017, 2018, ou nunca como pasa coa ope do 2008, 2009...que esta sen resolver 8 anos despois. Saúdos Fulgencio.

    ResponderEliminar