Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 2 de abril de 2018

2 millóns de euros ao ano para fomentar os sistemas privados de pensións, a outra cara B da Mesa Xeral de Negociación

O último Acordo de Madrid non foi de balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos, pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.

Máis chamativo resulta de CCOO e UGT, que teoricamente defenden o sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de pensións privados onde as traballadoras e traballadores públicos PAGAN AOS SINDICATOS ASINANTES comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións de carácter privado. Porén, tampouco é de estrañar pois no ámbito das pensións púbicas defenden a revalorización co IPC pero no caso das traballadoras e traballadores públicos asinan pola revalorización de acordo co PIB.

CCOO e UGT obteñen así beneficios de múltiples fondos de pensións de empresas privadas e de administracións públicas, xestionados a través da empresa EGFP S.A. participada por eles.

Centrándonos só no de maior contía, que é o da Administración Xeral do Estado, vemos que este fondo se nutre con achegas que se detraen da suba salarial e que nos últimos anos estaban suspendidas a maior parte delas a raíz dos recortes practicados polos sucesivos gobernos, pero co acordo asinado vai poder ter novas aportacións con esa porcentaxe de fondos adicionais que din que serven para subirnos o soldo pero que no caso do Estado van pasar a engordar ese fondo de pensións e non van ser salario directo.


En que se benefician CCOO e UGT?


Pois en que a entidade xestora dese fondo de pensións que ten unha conta de posición cun saldo de máis de 600 millóns de euros é Gestora de Previsión y Pensiones EGFP S.A. participada nun 60% polo BBVA e nun 20% por CCOO e 20% por UGT, e por iso cobran dividendos e comisións pola xestión.

Foi a propia promotora do plan de pensións dos empregados/as do Estado, onde están representadas CCOO e UGT a que contratou a EGFP. S.A. que ten como accionistas a CCOO e UGT.


Pero isto é un escándalo! e como a comisión promotra do plan de pensións non evitou esta autocontratación por parte de CCOO e UGT?


Alguén poderá pensar que isto de autocontratarse é un escándalo e que aquí deberían entrar en xogo as causas de abstención e recusación da Lei 40/2015 en todo o seu esplendor ao ter CCOO e UGT máis que interese nese asunto. Pois parece que non, porque a Avogacía do Estado ao considerar que a comisión promotora non é un órgano da Administración, nin sequera un órgano colexiado con participación social, pode facer contratos de natureza privada. De aí que a comisión promotora, na que están CCOO e UGT, previo acordo asinado coa Administración, por CCOO e UGT, decida contratar a xestión do fondo a unha entidade participada por CCOO e UGT.


De que contías falamos?


A entidade xestora cobra unha serie de comisións que no ano 2016, o último do que hai datos, e só no caso do fondo de pensións do Estado, supuxeron 2.341.519,19 euros, como se pode ver na conta de perdas e ganancias na páxina 4 das contas anuais do ano 2016. E isto cun fondo coas aportacións practicamente conxeladas pero do que veñen cobrando dende o 2004.

Como podedes ver na propia páxina do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado, a entidade xestora cobra sobre a conta de posición un 0,25% anual pola administración do plan e un 0,05% anual, pola xestión financeira, máis unhas comisións a maiores que poden chegar ao 5% sobre a rendibilidade do plan.

En definitiva, máis de 2 millóns de euros que saen anualmente dos salarios dos empregados/as públicos/as da AXE e que van parar ao peto de CCOO e UGT.


Dispoñen dos salarios dos/as empregados/as públicos/as para facer caixa


E como cobran porcentualmente, eses 2.000.000 de euros pódense incrementar se aumenta a conta de posición, polo que non hai que ser Einstein para deducir que os principais interesados en que os cartos dos salarios dos/as empregados/as públicos/as vaian a parar a ese fondo son os membros da entidade xestora, que ademais son quen negocian o acordo salarial, neste caso CCOO e UGT. De aí que habilitaran eses fondos adicionais dentro do acordo para poder seguir engordando ese plan de pensións que lles dá beneficios, en vez de destinar esa porcentaxe a un incremento salarial directo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario