Piden ao goberno galego que reflexione e que poña fin o conflito
O comité de folga de Xustiza comezou esta mañá a instalar diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, en Compostela, as tendas de campaña nas que acampará, cando menos, até que se retomen as negociacións. Denuncia que a única diferenza que quedou sobre a mesa, cando a administración decidiu levantarse da negociación, é de 12€ a repartir en 3 anos, polo que entenden que “non ten escusa algunha para non chegar a un acordo”.
Segundo explicou Oscar Freixedo, representante da CIG-Xustiza nas mesas de negociación, a acampada foi acordada a semana pasada, por unanimidade, polo comité de folga diante da “espantada da Xunta, para que vexan que temos efectivamente vontade de diálogo” e subliñou que cando queiran retomar a negociación no punto no que quedaron “poden, só nos teñen que abrir a porta”.
Falta de vontade
Para o representante da CIG foi a falta de vontade da administración a que impediu que o conflito quedara pechado xa a semana pasada, do momento no que a única diferenza que había era de 12€ a repartir en 3 anos. Por iso conclúe que, polo tanto, realmente “non existe tal diferenza”.
Para o comité de folga tamén é importante que quede perfectamente reflectida no acordo a cláusula de revisión, que a propia Xunta ofreceu, que entenden que é unha garantía de futuro para evitar que se repita de novo o conflito dentro de catro, cinco ou seis anos.
Por iso, para Freixedo se a Xunta realmente viu o documento proposto polo comité “non ten ningunha escusa para non chegar a un acordo”. De aí que conviden a administración a reflexionar sobre esa contraoferta presentada polo comité e advirten de que continuarán acampados/as “até que o conflito se solvente ou, cando menos, até que se retomen as negociacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario