Está aberto desde o 4 de abril o prazo para presentar a declaración da renda deste ano. Con carácter xeral tedes de prazo ata o 27 de xuño para presentar a declaración da Renda 2017 se o resultado é a ingresar e ata o 2 de xullo se é a devolver.
Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2017 desgravan na declaración do IRPF. Simplemente tedes que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2017 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG foi, un ano máis, de 139,80 €. Se a vosa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non abonachedes todas as cotas, consulta na túa comarca ou entidade bancaria o importe. Non é preciso un certificado do sindicato das cantidades aboadas para presentar a declaración.
Como todos os anos, a CIG pon en marcha en cada comarca un servizo para a afiliación de asesoramento coa declaración da Renda. Non tedes máis que poñervos en contacto co local da CIG da vosa comarca. En Compostela podes pedir cita a partir do 10 de abril chamando ao 981.58.32.00. As declaracións máis sinxelas serán asesoradas en abril e as máis complexas ao longo do mes de maio. Non esquezades levar toda a documentación necesaria.
A AEAT tamén conta cun servizo para axudar coas declaracións da renda cuxo servizo de cita previa comeza a funcionar o 8 de maio e as citas daránse desde o 10 de maio até o 29 de xuño (de xeito presencial). A cita previa pode xestionarse vía web, desde a nova app ou ben por teléfono: 91 553 00 71 de 9 a 19 horas de luns a venres, con NIF/NIE.
Consulta do borrador e realización da declaración vía telemática
A consulta do borrador e a propia declaración pode facerse vía telemática desde calquera equipo conectado a internet e, por primeiro ano, tamén desde a APP "Agencia Tributaria".
Para obter a referencia para ter acceso ao borrador/facer a declaración podes facelo con certificado dixital (vale tamén o da tarxeta de empregado/a público/a da Xunta), con Cl@ve PIN (que é a Chave 365 da Administración Xeral do Estado) ou ben se fixeches a declaración o ano pasado co recadro 450.
A referencia é necesaria para confeccionar o borrador/declaración da Renda 2017 e sairá unicamente na pantalla (este ano a AEAT non enviará mensaxe SMS co número de referencia).
Acceso portal web Renda 2017 da Axencia Tributaria
Ningún comentario:
Publicar un comentario