Desde hoxe a Policía xa non deixa entrar ás compañeiras e compañeiros no edificio administrativo (acudían tranquilamente á cafetería ou ao noso local sindical en San Caetano) e todo porque levan as camisetas de cor azul co lema de "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia". Ao PP xa non só lle molesta o amarelo, tamén o azul e como segan con esta represión de protestas pacíficas o único que van deixar é o gris da época de Franco.
En varias ocasións acudimos a visitar e acompañar na acampada, onde se bota en falta xente dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT, máis próximos a ese famoso "preacordo" do que se fala desde a semana pasada; xa sabedes, divide e vencerás. E é que para unha Administración que "tan bos resultados económicos ten" igualar os salarios ao nivel medio do resto resulta "demasiado". Que é iso de pedir igualdade salarial!? Iso só para as forzas e corpos de seguridade que hai que ter contentas, que o resto de persoal público somos de segunda ou terceira división.
Un grupo de resistencia continúa e nós estaremos con elas porque non é a súa loita, é tamén a nosa, a de todas as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza e a de todas as persoas que cren nuns servizos públicos dignos pero sobre todo na liberdade de expresión. Non dubides ti tamén en pasar pola acampada a amosar a túa solidariedade e apoio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario