Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 30 de abril de 2018

Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza

Fracasa nas asembleas a "traizón" orquestrada pola Xunta con USO, CCOO, UGT e CSIF. En vista dos resultados, CIG, CUT e STAJ convocan a Xunta para retomar as negociacións o vindeiro mércores, 2 de maio.


Os traballadores e as traballadoras de xustiza deron hoxe unha enorme lección de dignidade rexeitando o preacordo "da traizón" asinado onte por USO, CCOO, UGT e CSIF coa Xunta de Galiza: 836 votos en contra por 746 votos a favor. Unha mensaxe clara para Rueda, Feijoo e os catro sindicatos asinantes: a única proposta válida, e sobre a que hai que negociar, é a última presentada pola parte social.

"Esta é unha vitoria importante dos traballadores e as traballadoras e unha lección de dignidade para esas catro organizacións sindicais que asinaron ese preacordo da vergoña e que deixaron tirados/as ao todo o persoal que leva máis de dous meses pelexando polos seus dereitos", valoraba o secretario nacional da CIG-Xustiza, Xesús Sánchez, tras coñecerse o resultado das votacións nas diferentes cidades.

Neste senso, lanza unha chamada de atención ao vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, quen dende hai semanas viña reclamando que se sometera a consideración do persoal a oferta da Xunta: "agora xa sabe que a única proposta que lles vale aos traballadores e ás traballadoras é a última oferta presentada polo comité, pero en ningún caso a que a administración trapicheou cos eses catro sindicatos de costas ao persoal".

Reitera que "a Rueda non lle queda outra que negociar con nós a nosa proposta, porque hoxe os traballadores e as traballadoras foron claras". E ironiza sobre a clase de argumentos que "inventará" agora a Xunta para seguir tentado deslexitimar a folga  e as xustas reivindicacións do persoal de xustiza. Aínda que desta volta non lles vai chegar con intoxicar a través deses medios de comunicación que tan ben se prestan a facerlle o xogo ao Goberno do PP. "Querían un referendo e xa o teñen, que asuman os resultados", asevera.

Unha "traizón" fracasada


A folga da xustiza continúa adiante con forzas renovadas e serán USO, CCOO, UGT e CSIF quen teñan que dar explicacións aos empregados e empregadas pola súa "traizón". A este respecto, Sánchez subliña que, seguindo os postulados da Xunta, estas centrais sindicais nin sequera convocaron asembleas para explicar ao conxunto do persoal o contido do preacordo, senón que optaron por sometelo directamente a votación, no convencemento de que sairía o si. "Nós si fixemos asembleas en todas as cidades para explicar o que aconteceu na reunión de onte coa administración, porque esa era unha das demandas do persoal".

Sobre o proceso, Sánchez critica que non lles deixaron revisar os censos, que se permitiu a votación a todo o persoal (aínda que na papeleta se mencionaba expresamente ao persoal en folga) e que as cúpulas deses catro sindicatos estiveron presentes durante as votacións e o reconto, chegando incluso a mobilizar a delegados/as doutros sectores que nada teñen que ver coa xustiza, para controlar o proceso. Un proceder que recibiu un amplo rexeitamento por parte do persoal, que ao longo de toda a xornada amosou de maneira evidente a súa oposición ao preacordo asinado. 

Queda agora un camiño por recorrer e o sector de Xustiza da CIG manterá mañá unha xuntanza de traballo para abordar as accións e propostas a desenvolver na vindeira semana, que despois trasladarán ao resto de sindicatos para unha posta en común.

Ningún comentario:

Publicar un comentario