Propón unha redución de máis do 40% do persoal co que chegou a contar
O Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI) é o único arquivo audiovisual e filmoteca de toda Galiza. Alberga todas as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego e asume a responsabilidade do apoio á industria audiovisual. Porén corre o perigo de desaparecer, segundo denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración logo de analizar a proposta de modificación de postos de traballo do AGADIC, enviada pola Xunta de Galiza ás centrais sindicais.
A CIG-Autonómica explica que se trata dunha proposta de axuste de persoal “inverosímil” que suporía unha reducción de prazas de “máis do cuarenta por cento do persoal co que o centro da coruñesa rúa de Durán Loriga chegou a contar para o seu normal funcionamento”.
Explican que a situación de deterioro actualmente padecida pola filmoteca galega -que desde a súa fundación mantén a sede nos baixos da Casa da Cultura “Salvador de Madariaga” na cidade da Coruña- responsable por designación administrativa da recuperación, conservación e difusión do patrimonio fotográfico e audiovisual da Galiza, así como do apoio ao sector cinematográfico e audiovisual, “non é produto da improvisación”, nin nace no presente momento.
“A supresión da figura da bibliotecaria, coa conseguinte desaparición do servizo de consulta do seu completo fondo bibliográfico, ou a eliminación do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, do que se fornecía de modo principal o sector do ensino, así como a desaparición doutras tarefas desempeñadas por contratados laborais, constitúen un tan demorado como paulatino acoso e derrubo do Centro Galego das Artes da Imaxe por parte das propias instancias administrativas das que depende”, denuncian.
A isto engaden que a falta de reposto do persoal de programación da filmoteca que non foi cuberta, así como a de parte do resto de persoal anteriormente citado, “súmase agora a tentativa de eliminación da metade do equipo de proxección cinematográfica, quedando así reducida esta función a un único proxeccionista, para as dúas quendas de mañá e tarde do centro, quen ademais, asume múltiples tarefas como responsable técnico da institución”.
Por iso alertan de que a consumación desta drástica eliminación, que supón o 50% de redución de persoal laboral nesta área técnica, “afectará drásticamente ao conxunto da programación do centro e ao resto das tarefas reflexadas”.
Esforzo e dedicación dun equipo diminuído
Aseguran que a permanencia do CGAI débese realmente “ao redobrado esforzo e dedicación do diminuído equipo de traballo que actualmente o conforma. Un equipo que asume, segundo explican, as tarefas dos servizos de arquivo e catalogación (cada vez máis desatendidos como evidencian as torres de caixas e bobinas que se amorean ate o teito); a programación semanal, en dobre sesión diaria, en numerosas ocasións acompañadas de presentacións, conferencias, coloquios e outros eventos mesmo musicais e da índole artística máis heteroxénea, coa presenza de importantes autores, etc...; os ciclos de divulgación cinematográfica para os máis xóvenes, baixo o título de “CGAI Junior”, e as colaboracións con centros de educación en materia de cursos audiovisuais agrupadas en “Cinema en curso”, que eles sós representan a afluencia de máis de 2500 nenos/as e mozos/as ó ano...; a maiores dos pases de prensa, de probas, de equipo de rodaxe para apoio ás diferentes producións audiovisuais en curso na Galiza, ademais dun longo etcétera de imprevistos.
Unha ampla e completa programación anual, que se traduce nun elevado número de proxeccións coa presenza de máis de dez mil espectadores/as, que só resulta posible por mor da decidida entrega laboral do equipo de traballadores e traballadoras que, co seu esforzo e dedicación, suplen o atranco do seu reducido número e que agora a administración galega pretende recortar á mínima expresión.
O sector da Autonómica da CIG-Administración denuncia o camiño iniciado pola Xunta de Galiza que conduce ao desmantelamento encuberto do CGAI así como a incompatibilidade total desta proposta de recorte de persoal e de funcións co fin para o que foi creado o CGAI no seu momento, e que así se reflexa na presentación da súa páxina web, onde aparece, e citamos textualmente:
Creado por decreto 210/1989 do 5 de outubro da Xunta de Galicia, o CGAI inaugurouse o 15 de marzo do ano 1991, data desde a que vén desenvolvendo as súas actividades nos ámbitos do audiovisual e da fotografía de xeito regular:
As súas funcións no ámbito audiovisual, como institución responsable desde a administración autonómica, son:
A programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións, etc. co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.
A recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.
“Sería lamentábel confirmar que todos estes movementos respondesen a unha operación de peche encuberto ou privatización, como moitas veces advertimos e denunciamos na CIG, o que suporía un gravísimo -outro máis- magnicidio cultural”, afirman.
Ameaza para a memoria histórica
Único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos, o CGAI é hoxe, logo de 25 anos de vida, un centro de referencia no ámbito do Estado. A súa desaparición ou confinamento a un mero organismo decorativo, que é o que entenden que a Xunta pretende con esta eliminación de postos de traballo, “constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego”, conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario