Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 2 de maio de 2016

Regreso ao pasado: nómina do mes de abril (voltamos a 2012 e 2013 na Xunta de Galiza)

Coa nómina deste mes (para as persoas que aínda seguen traballando na Xunta) pagouse un 25% da paga extra de Nadal de 2012 e xa imos polo 75% recuperado (mentres ás compas do Estado xa lle devolven con esta nómina a totalidade do 100%). Ademais, deuse a circunstancia de que algún persoal funcionario que foi á Xustiza respecto da eliminación dos complementos específicos das extras de 2013 tamén lle abonaron estes nunha nómina adicional. Porén, outra xente aínda segue agardando pola execución da sentenza pois os xuros de demora non saen dos petos dos irresponsables políticos que causaron a desfeita.

Si, o impacto de recibir unha nómina máis alta do habitual, así sen esperalo, causa alegría, e dúas xa nin contamos, pero non nos esquezamos: 1) de que o diñeiro era noso, que llo prestamos á forza sen xuros e 2) de como chegamos aquí, do que houbo que pelexar, e aínda se está a pelexar con estes temas, e canto tempo pasou desde entón.

Que as traballadoras e traballadores públicos somo un arma electoral é algo evidente: cando nos quitaron a paga extra fómolo en sentido negativo e se nos apuntou co dedo como clase privilexiada, agora que nos devolven o que era noso, tamén. Curiosamente, o tempo, neste caso si puxo á clase privilexiada no seu lugar: a das xubilacións millonarias, a das contas en Suíza, a dos pagos en B, a das sociedades opacas en Panamá, etc.

Moitas notas de prensa e espazos nos xornais e nos telexornais téñense reservado para o tema "paga extra funcionarios" sen tratar obxectivamente o fondo da cuestión: que intentaron recortarnos retroactivamente e lles saíu mal (e iso recoñeceu a Xustiza respecto a 2012 e está recoñecendo respecto do 2013), que nos devolveron a cachos, facendo coincidir con citas electorais,  máis tarde que o persoal público da Administración xeral do Estado e que ese diñeiro era noso e que houbo que pelexalo.

Por certo, para as persoas que estaban traballando na Xunta no 2012 e xa non o están, teñen que facer unha solicitude á consellaría respectiva. Ver anexo.

O próximo prazo, se nada se torce, será en setembro, probablemente coa precampaña das autonómicas e de aquela de novo se volva falar de que "Feijóo cumpre", que se fixeron os deberes e que bonito é todo. Pois a verdade é que os deberes fixémolos nós, a quen se nos quitou o diñeiro á forza, sen pagar xuros, e fíxoos, dende logo, a cidadanía que sufriu os recortes nos servizos públicos. E non, Feijóo non cumpriu, cumprimos nós. De feito nin quere cumprir co que di a Xustiza coa paga extra do 2013. Tampouco cumpriu cando dixo que o da Lei de medidas de 2012 era temporal e logo incorporou parte destas medidas na actual Lei de emprego público no 2015. Por non cumprir, non cumpriu nin co que non lle custaba cartos: concursos de traslados permanentes, promoción interna...


Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario