Logo do acordado no último pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, unha representación deste órgano entrevistouse cos grupos parlamentares do BNG, PSG-PSOE e AGE o pasado 26 de febreiro. A situación de desconexión, por parte da consellaría, con respecto á Xunta de Persoal; que roza o desprezo máis absoluto cara as constantes reclamacións laborais que se teñen presentado, negándose a recibir aos e ás representantes do persoal dende o ano pasado; provocou este paso adiante pola parte sindical que optou por denunciar o caso no Parlamento Galego.
Nestas xuntanzas expúxéronselle, aos distintos deputados e deputados que nos atenderon, o conxunto da problemática laboral que existe nesta unidade administrativa (falta de avaliación dos postos de traballo e dos riscos psicosociais, problemas de organización e reparto do traballo, actas de inspección que se agochan en caixóns...), problemática que é necesario solucionar polo ben do persola e para o bo funcionamento dos Servizos Sociais do noso país.
Tanto os representantes do persoal traballador como os dos partidos políticos da oposición coincidiron en reclamar e defender a independencia do persoal inspector na súa labor e actuación, algo que, os responsables da Consellaría de Política Social ignoran constantemente. Unha situación coa que semellan estar moi cómodos, agravada aínda máis se cabe dende a última remodelación desta consellaría.
Todos os grupos parlamentares da oposición intereseránose profundamente pola situación exposta e comprometéronse a presentar iniciativas parlamentares que requirisen á Xunta de Galiza, por unha banda, a información e a resposta que non dá á Xunta de Persoal e, por outra, a reclamar a resolución desta problemática.
Agardamos dende a CIG, dado que é unha cuestión que levamos anos reclamando e denunciando, que as xestións e accións que se leven a cabo axuden para que, dunha vez por todas, o persoal inspector dos Servizos Socias obteña un recoñecemento e dignificación da súa labor e as melloras laborais que está a reclamar.
Os nosos fillos e fillas, os nosos maiores, o persoal dependente, a poboación en risco de exclusión social (que tal e como están os tempos, pode ser calquera...), en definitiva, a situación dos Servizos Sociais, tanto públicos coma privados, o pilar funduamental dunha sociedade neste teórico estado de benestar que nos venden todos os días, precisa da labor fundamental do Servizo de Inspección. Non agardemos a que calquera día pase algo....
Novas relacionadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario